O BNG de Gondomar, diante da denuncia publicada nos medios de comunicación, ven de solicitar información a respecto dos aterramentos realizados no monte de Couso e das afeccións ambientais ou doutra natureza que estes poidan provocar na propia parroquia e no conxunto do concello.

Así mesmo, a raíz das declaracións publicadas pola Comunidade de Montes, pedirán explicacións ao goberno local a respecto da falla de resposta por parte do Concello ás solicitudes de licenzas que a Comunidade tería presentado en relación aos aterramentos.

A organización nacionalista recolle e comparte a lexítima preocupación veciñal polas consecuencias que esas actuacións poidan supoñer para o medio, ao tempo que defende o dereito da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Couso a unha correcta atención institucional municipal, polo que vén de solicitar unha reunión coa Xunta Reitora coa intención de recabar toda a información en relación aos feitos denunciados. 

Antecedente en 2025

Xa en abril de 2025 membros do BNG detectaran un suposto vertido ao río Miñor que provocara que as augas do río ao seu paso por Gondomar discorreran opacas, cunha cor esbrancuxada verdosa. Tentando localizar a orixe río arriba, chegouse até a parroquia de Couso, onde un rego baixaba coa auga turbia. Dado o alcance de máis de dous quilómetros de río, puxeron os feitos en coñecemento do 112 e da Policía local para que realizaran as pescudas pertinentes.

Daquela, uns días despois desa denuncia, o goberno local publicaba que ‘tras detectarse vertidos de terra que afectaron gravemente ao curso do río Miñor ao seu paso polo centro urbano, abrira un expediente sancionador e ordeara a paralización inmediata duns traballos de aterramento realizados en terreos da Comunidade de Montes de Couso que carecían da preceptiva licenza municipal’.

A vista daqueles feitos e diante das novas denuncias veciñais e das imaxes que as ilustran, que apuntarían a que os aterramentos continuaron e ampliaron en superficie, o BNG vén de solicitar información tamén ao Concello para coñecer, por un lado, cales foron as actuacións practicadas e cales os resultados obtidos en relación ao expediente iniciado en 2025 e, por outro, cal é a situación actual ao respecto.

Ao igual que fixera no seu día coa Entidade Local Menor de Morgadáns cando esta fora denunciada por unha suposta actuación similar no recheo dunha canteira en Prado, o BNG considera pertinente demandar toda a información sobre os aterramentos en Couso, tanto para esclarecer a situación do punto de vista legal como para avaliar posibeis afeccións negativas das actuacións practicadas no monte desa parroquia.