O BNG denuncia a inacción da Xunta de Galicia ante as irregularidades e incumprimentos dos contratos por parte da empresa de Lugove. Paulo Ríos, portavoz de mobilidade e transporte do BNG no Parlamento, advirte que a Xunta ten responsabilidade directa nesta situación, tanto por ser titular dun servizo público esencial como polas súas competencias en materia laboral.

Ríos exixe á Xunta que interveña “para garantir que UTE Lugove cumpra estritamente as condicións establecidas no contrato e o convenio colectivo do transporte de viaxeiros de Pontevedra”.

A estes incumprimentos e irregularidades debemos sumar a situación de total precariedade á que esta empresa somete as súas traballadoras e traballadores”, denuncia o deputado nacionalista. Ríos amosou este venres o seu apoio ao cadro de persoal da empresa concesionaria asistindo á concentración celebrada na estación de autobuses de Vigo Vialia na segunda xornada de folga.

O deputado nacionalista advirte ademais de que os problemas laborais e as deficiencias na prestación do servizo están directamente relacionadas cun modelo de transporte “mal deseñado e mal dimensionado” desde a súa orixe. As carencias no cadro de persoal, nas rutas e nas frecuencias están a provocar problemas para as persoas usuarias, con situacións de masificación e falta de prazas que deixan viaxeiras e viaxeiros nas paradas.

O BNG lembra que, ante esta situación de incumprimentos, a Xunta rescindiu recentemente “de mutuo acordo” os contratos, que xa presentaban importantes carencias desde o seu deseño e que, durante a súa execución, non foron cumpridos pola UTE Lugove. Para Paulo Ríos, esta fórmula permite substituír uns contratos “mal feitos de base” sen resolver os problemas do modelo e que, deste xeito, benefician as mesmas empresas concesionarias que viñan incumprindo as súas obrigas.

Ríos lembra que o Bloque leva denunciando as eivas do modelo desde a posta en marcha do actual Plan de Transporte impulsado polo Partido Popular. Esta mesma semana constatáronse problemas en liñas tan importantes como a de Vigo-A Guarda, con dificultades para as persoas usuarias e unha falta de planificación por parte da empresa á que, segundo destaca, se suma a ausencia de resposta por parte da Xunta de Galicia.

O portavoz de Mobilidade e Transportes reclama así ao Goberno galego que abandone a súa posición de inacción e exerza as súas responsabilidades. “A Xunta ten que defender o interese xeral e non os intereses das grandes empresas concesionarias”.

O BNG reiterou o seu apoio ás traballadoras e traballadores de Lugove nesta segunda xornada de folga polas xustas reivindicacións dos seus dereitos laborais á vez que denuncia a un Goberno do PP que permite a precarización das condicións das profesionais e os incumprimentos de contrato que empeoran o servizo para as persoas usuarias.