O BNG de Gondomar mantivo esta semana un encontro coa Xunta Directiva do Club Deportivo Vincios para coñecer de primeira man como afecta ás súas instalacións o convenio asinado polo Concello de Gondomar co Consorcio da Zona Franca de Vigo para o desenvolvemento da II fase do polígono industrial da Pasaxe.

Durante a xuntanza, a Presidenta do Club, Beatriz Fernández, trasladou a  preocupación da directiva e do conxunto de socios e entidades colaboradoras polo futuro do campo de fútbol e da actividade deportiva, ás portas do inicio de tempada, xa que o terreo de xogo está incluído na superficie afectada pola expropiación para a parcelación do polígono.

Unha situación que coñecen a través do prensa e da información que lles traslada a Comunidade de Montes de Vincios, propietaria do terreo que o Club ten en cesión, sen que desde o Concello se puxeran en contacto para os informar do que vai acontecer co campo nin para lles explicar a planificación prevista. E tampouco recibiron resposta á petición de xuntanza co Alcalde que teñen solicitada desde o mes de xuño.

A portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez,  lamentou que, máis unha vez, se repita a mesma forma de actuar por parte do Alcalde: moitos anuncios nas redes sociais e nos medios, pero cero interlocución directa cos colectivos e entidades afectadas polas súas decisións. Unha conduta que consideran inaceptable xa que está en xogo a continuidade dunha instalación deportiva e da actividade da entidade que a utiliza.

Pero para o BNG é aínda máis lamentable que o Alcalde teña decidido cederlle gratuitamente a Zona Franca o aproveitamento de todo o chan urbanizable sen se reservar o 10% que por lei lle correspondería ao Concello: “nada máis e nada menos que 38.800 metros cadrados!! Unha superficie onde caberían até 5 campos de fútbol 11 dos de partidos internacionais”, explica Rodríguez. “Algún día terá que explicar que beneficio saca a cambio”.

De quedar o Concello con ese 10%, non só se aseguraría o espazo para unha gran dotación deportiva. Tamén daría para outro equipamento municipal ou para poñer terreo a disposición doutras administracións: para a construción dunha escola infantil como servizo de conciliación para o persoal traballador no polígono ou dun punto limpo en substitución do actual que é insuficiente, por exemplo. Case 40 hectáreas en beneficio da veciñanza de Vincios, a parroquia que soporta o uso industrial dunha parte importante do seu territorio, e para o conxunto do concello de Gondomar.

“E agora, como a parroquia e o club se mobilizan, vai Ferreira e promete un novo campo con pavillón polideportivo incluído. Onde? en terreos comunais!, claro, así promete calquera”, espeta a voceira do BNG.

E as palabras “yo, lo que prometo, lo cumplo” no Facebook de Paco Ferreira non tranquilizan ao CD Vincios. E non é para menos porque, tal e como indica Rodríguez, de promesas incumpridas saben ben en Vincios. “Non é a primeira vez que o Alcalde anuncia un pavillón ou, como prometeu en diversas ocasións, a dotación dunha praza no centro da parroquia”.

Para a voceira do Bloque a credibilidade de Paco Ferreira é ben pouca. Así, lembra tamén as beirarrúas de Borreiros, prometidas hai máis de oito anos e que a día hoxe aínda non son realidade, ou o comedor do Colexio Rural Antía Cal en Peitieiros, prometido na precampaña das municipais de 2023 e que agora o Alcalde xa nin menciona. “E tantas outras pequenas e grandes cousas prometidas por Ferreira que acabaron convertidas en fume”, lamenta Rodríguez.

E por iso que o BNG de Gondomar insta ao Alcalde a atender as demandas do Club Deportivo Vincios e a que deixe de facer brindes ao sol: que os reciba e lles explique con claridade que vai acontecer co actual campo, onde pretende construír as novas instalacións que promete, en que prazos e que garantías ten o Club para poder continuar desenvolvendo a súa actividade.