O BNG de Gondomar inicia unha rolda de asembleas parroquiais para informar á veciñanza do contido da nova ordenanza reguladora do prezo dos servizos municipais de auga e saneamento que o goberno municipal pretende aprobar.
A organización nacionalista realizará as reunións dentro do prazo de exposición pública da normativa, que remata o vindeiro 5 de setembro, co obxectivo de recoller achegas de cara á presentación de alegacións e emendas. A primeira será este mércores, 26 de agosto, ás 20:15h no Centro Cultural de Borreiros.
A ordenanza fiscal, que vai establecer os novos importes a pagar polos servizos de abastecemento de auga municipal e de tratamento de augas residuais, foi aprobada inicialmente no pleno celebrado o pasado 29 de xullo cos votos favor do goberno do PSOE máis os dous non adscritos e a abstención do PP.
A proposta do goberno do PSOE conleva unha suba do 15% no servizo da auga e un 30% no caso do saneamento, a respecto dos prezos actuais. Ademais, por deixar de ser unha taxa para pasar ter a consideración de prezo público, ao custe do servizo haberá que lle sumar o IVE correspondente.
No debate plenario, a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, volveu insistir en que a privatización dos servizos determina o seu elevado custe. Rodríguez instou de novo á súa remunicipalización, reiterando que a xestión pública é máis eficiente e máis económica, “unha opción que o socialista Paco Ferreira nin sequera acepta valorar”, lamenta.
Por outra parte, a voceira nacionalista recriminou ao goberno que a ordenanza non contemple ningún tipo de beneficio fiscal nin por razón de baixos ingresos, nin por familia numerosa ou monoparental, nin por discapacidade ou dependencia, demostrando “a nula visión social do ‘socialista’ Paco Ferreira”.
Así mesmo, o BNG defendeu que a ordenanza, na parte variable das cotas, debería contemplar tarifas progresivas que incentiven o aforro de auga. Nese sentido propuxo a modificación dos tramos de consumo, reducindo a súa amplitude e introducindo a facturación en función do número de persoas empadroadas na vivenda. Na mesma liña, trasladou que igual criterio debería aplicar para a cota de saneamento, calculándoa en función da auga consumida e non fixando o mesmo importe para todas as vivendas.
“Esas eivas ou carencias na proposta de ordenanza foron as razóns do voto en contra do BNG”, explica Rodríguez, “e agora trasladamos o debate á veciñanza, algo que nunca fai o alcalde”. A organización nacionalista convoca as asembleas informativas para recoller aquelas suxestións susceptibles de incluír nas súas alegacións e emendas, mais tamén para para animar á veciñanza a presentalas directamente no Concello.
