O BNG de Gondomar remata nesta primeira semana de setembro as asembleas informativas sobre a ordenanza reguladora do prezo dos servizos de auga e saneamento. 

A portavoz municipal do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez, traslada que o BNG está a celebrar esta rolda de encontros parroquias para informar do contido da ordenanza, “algo que non fai o Alcalde”.

A vindeira reunión, para as parroquias de Morgadáns e Chaín, será este xoves 3 na Escola de Guillufe (Morgadáns) ás 20.15h. A esa mesma hora o venres 4 terá lugar a de Vincios, no Centro Cultural desa parroquia. Para sábado 5, ás 19:30h no CDL, convocan a veciñanza de Gondomar e Vilaza. E, xa por último, a rolda remata o domingo 6, ás 12.00h no Centro Cultural de Mañufe, coa destinada a Donas e Mañufe.

Período de alegacións

O texto da ordenanza pode consultarse aquí e o prazo para presentación de reclamacións e suxestións, de trinta días hábiles, remata o 17 de setembro.

O BNG, que aposta pola xestión pública e pola remunicipalización dos servizos, lamenta que o goberno do PSOE insista en privatizalos, provocando que sexan máis caros, de menor calidade e que non garantan o interese xeral.

Por riba, a proposta de ordenanza fiscal do goberno Ferreira non contempla ningunha medida de bonificación de tipo social nin para incentivar o aforro de auga. Ademais, algunha das súas disposicións pode supoñer un gran agravio para parte da veciñanza que non dispón de saneamento nas súas vivendas, que en Gondomar son perto de 3.000 pola desatención deste servizo por parte do goberno municipal.

No que ten a ver cos importes a pagar, a proposta de paco Ferreira  conleva, a respecto dos prezos actuais, unha suba do 15% no servizo da auga e un 30% no caso do saneamento. Ademais, por deixar de ser unha taxa para pasar  ter a consideración de prezo público, ao custe do servizo haberá que lle sumar o IVE correspondente (10% para os consumos e 21% para os outros gastos asociados aos servizos, como contadores, conexións, etc).

Rodríguez anima a veciñanza a se achegar e participar destas reunións en que, ademais de analizar a proposta de ordenanza, recolleranse achegas que incorporar en forma de alegacións emendas a presentar que, cando menos, melloren o texto da normativa para facela máis acaída dos puntos de vista social e ambiental.