O BNG de Gondomar esixe explicacións ao Alcalde a respecto do que está a pasar co servizo da auga en Vilaza. Faino ao coñecer que Espina e Delfín, a actual empresa concesionaria municipal, estaría a reclamar á parroquia cuantiosas débedas históricas por consumo, con ameaza de corte da auga por impago.

A Xunta Directiva da Comunidade de Augas de Vilaza publicou en redes sociais a convocatoria de asemblea urxente para tomar decisións a raíz dese ultimatum. Ante esa alerta, a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, solicita información ao respecto e ponse a disposición para colaborar na busca de solucións.

Como xa ten reiterado o BNG en múltiples ocasións, ‘o problema’ da auga en Vilaza foi creado hai máis de dez anos por e desde gobernos municipais, os mesmos que demostraron a súa incompetencia e incapacidade para resolvelo. Hai que lle lembrar ao alcalde todas as declaracións en que afirmou ter ‘a firme intención de solucionar o problema’ e que non ía ‘abandonar’ aos veciños de Vilaza?, pregúntase Rodríguez

Para o BNG está claro que non é unha casualidade que a comunicación de apremio por parte de Espina&Delfín chegue xusto cando remata o seu contrato, en precario desde hai anos, porque en breve vai entrar a prestar o servizo da auga a nova empresa concesionaria.

A voceira nacionalista denuncia que foi Ferreira, desde o goberno municipal, quen alentou a Espina a que seguira a manter o servizo en Vilaza xa que non podían ficar sen auga. E agora “vaille endosar á Comunidade de Augas a débeda pendente cando non foron as e os comuneiros os responsables de que non se fixeran as lecturas e non se cobraran os recibos durante o tempo en que o servizo estivo no ‘limbo’ e sen control efectivo?

Para o BNG fica claro que o goberno municipal debe mediar, “Ferreira debe asumir a súa responsabilidade, non pode mirar para outro lado como se non fora con el”, esixe Rodríguez.