O Bloque Nacionalista Galego levará ao vindeiro pleno da Mancomunidade do Val Miñor unha moción para reclamar a posta en marcha inmediata dun estudo integral da contaminación da Foz e da enseada do Miñor que permita poñer fin a un problema que se prolonga desde hai décadas.

Os portavocez municipais de Baiona e Gondomar Manuela Rodríguez e Iago Pereira, representantes do BNG na Mancomunidade, xunto con Xavier Rodríguez, voceiro en Nigrán, denuncian que, malia os sucesivos anuncios realizados nos últimos anos, «a realidade é que o problema continúa sen unha solución definitiva e a Foz do Miñor segue a sufrir as consecuencias da contaminación».

Denuncian que «estamos ante un espazo natural de enorme valor ambiental, paisaxístico, social e económico para todo o Val de Miñor, pero levamos demasiados anos acumulando promesas de diagnósticos e anuncios de actuacións». E sinalan que agora son precisas “actuacións inmediatas para reverter o problema dunha vez por todas».

Unha situación que non é nova

A Foz é desde o 2006 unha das poucas zonas de Galiza pechadas ao marisqueo polos altos niveis da bacteria E.Coli, e xa en 2018 unha avaliación microbiolóxica do impacto das augas residuais fecais no esteiro do Miñor evidenciou importantes problemas de contaminación.

Seis anos despois, a sucesión de episodios de prohibición do baño en areais de Baiona producidos este verán evidencian a persistencia e incremento dun grave problema de contaminación e a necesidade de coñecer a orixe e actuar sobre as súas causas.  Dese o BNG afirman, “non abonda con actuar sobre as consecuencias da contaminación; hai que localizar as causas e acometer as melloras necesarias  para atallalas”.

A formación nacionalista considera que entre as cuestións que deben ser analizadas están os efectos da crecente presión das actividades residenciais, industriais e turísticas no conxunto do Val de Miñor sobre as redes de saneamento e depuración así como as deficiencias da estación depuradora de Gondomar.

Unha realidade que ademais de apuntar a unhas infraestruturas mal dimensionadas para as necesidades actuais, mostra tamén a desleixo ambiental continuado dos gobernos –do PP e do PSOE– nos concellos miñoráns, na Mancomunidade e, nomedamente, na Xunta de Galicia.

Pasar dos anuncios aos feitos

En 2019 a Mancomunidade anunciaba a promoción e financiamento dun estudo para identificar e cuantificar os focos contaminantes e propoñer solucións. Mais nada se fixo. En maio de 2022, os alcaldes e Baiona, Gondomar e Nigrán anunciaban a contratación dun novo estudo sobre o impacto da contaminación microbiolóxica na Foz e no río Miñor, que nunca chegou a realizarse.

É por iso que os representantes nacionalistas consideran “imprescindible que a Mancomunidade asuma a súa responsabilidade e impulse de inmediato as accións necesarias que permitan pasar, por fin, dos anuncios aos feitos».

Nesa liña, a moción do Bloque insta a activar a actuación de ‘rexeneración ambiental e mellora ecolóxica da enseada do Miñor’, que fai parte do Plan de Actuación Integrado (PAI) ‘Val Miñor 15 minutos’, aprobado hai varios meses, que contempla para ese fin unha dotación de 400.000 euros dos fondos europeos FEDER. Uns recursos que para as nacionalistas representan “un instrumento que hai que aproveitar de inmediato», e instan a que «non acaben convertidos nun anuncio máis e que finalmente non se apliquen e se acaben perdendo»

Con esta iniciativa, o BNG reclama que a Mancomunidade do Val Miñor impulse «dunha vez por todas» o estudo integral e actualizado sobre a contaminación da Foz e da enseada do Miñor, identificando todos os focos existentes e determinando as actuacións necesarias para a súa corrección.

Os voceiros do BNG en Baiona, Gondomar e Nigrán lembran que “a Foz do Miñor é patrimonio de todos e temos a obriga de protexela”. Insisten en que “xa non valen máis anuncios nin máis promesas, é o momento de actuar, coordinar as administracións e poñer os medios necesarios para recuperar un espazo que leva demasiado tempo esperando accións que permitan unha solución definitiva”, conclúen.