Este venres 11 de setembro, celebrarase ás 19:30 horas na Fundación Penzo – Casa Galega da Cultura, en Vigo, a presentación de «Memorias dunha terra», de Xosé María Castroviejo.

No acto, participarán María Castroviejo, filla do autor; Patricia Arias Chachero, conselleira de Editorial Galaxia; e Xesús Domínguez Dono, director de Produción de Editorial Galaxia.

Publicada orixinalmente en 1973, «Memorias dunha terra» reúne unha colección de relatos nos que Xosé María Castroviejo recupera lembranzas da súa nenez e primeira mocidade na comarca da Ulla.

Desde a madurez, o autor evoca ese tempo cunha mirada melancólica, pero afastada da amargura, a través dunha prosa brillante e de gran plasticidade. Vivencias, situacións e personaxes convértense así en materia literaria e constrúen unha obra amable e serena, marcada pola memoria e polo paso do tempo.

A edición conta cun introito de Álvaro Cunqueiro.

Xosé María Castroviejo. Xornalista e escritor, naceu en Santiago en 1909 e morreu en Tirán en 1983. Cursou as carreiras de Dereito e Filosofía e Letras en Santiago. En 1933 embarcou ao Gran Sol, experiencia da que nacería o seu primeiro libro Mar del Sol, poemas de un diario de a bordo. En 1937 asume a dirección do xornal vigués El Pueblo Gallego.

Foi membro das JONS, combateu na Guerra Civil no bando nacional e publicou textos panexíricos falanxistas en prosa e verso. Na década de 1940 tivo que deixar a dirección de El Pueblo Gallego por negarse a someterse ás directrices da censura franquista.

Cultivou a literatura en linguas castelá e galega, se ben se prodigou máis na primeira. Da súa obra en galego destacan Tempo de outono e outros poemas (1964) e Memorias dunha terra (1973), que tivo no momento da súa publicación unha excelente acollida dos lectores.