JoshuaWoroniecki

Co inicio do curso, a Área de Normalización Lingüística lanza unha nova oferta de cursos de galego para a comunidade universitaria. En total, cinco formacións especializadas, coa matrícula de balde, que se impartirán durante os meses de outubro, novembro e decembro en formato completamente virtual.

O prazo de matrícula está aberto ata o vindeiro 25 de setembro.

Curso de iniciación para o alumnado internacional

O catálogo de cursos para este primeiro cuadrimestre comprende o tradicional Curso de iniciación á lingua galega, pensado para o alumnado de programas de intercambio, así como Persoal Técnico de Administración e Servizos e Persoal Docente e Investigador da UVigo que proveña de fóra de Galicia e precise formarse na lingua propia. O obradoiro terá unha duración de 40 horas de docencia virtual, todos os martes e xoves de 16.00 a 18.00 horas, nas que terán a oportunidade de realizar unha introdución histórica, antropolóxica, lingüística e cultural do universo galego.

Erros máis frecuentes da lingua galega

Co obxectivo de repasar a ortografía, a gramática e o léxico da lingua galega para mellorar o seu manexo, impartirase o curso Os erros máis frecuentes na lingua galega. A formación terá unha duración de 30 horas en modalidade virtual asíncrona e abordará cuestións gramaticais, de redacción e estilo e observacións sobre o léxico.

Calidade lingüística na Universidade

Outra das opcións que ten a comunidade universitaria ao seu dispor é o curso sobre Calidade lingüística na Universidade. Con 30 horas de docencia, terá como obxectivo mellorar a calidade da lingua, afondar nos parámetros de redacción e fomentar o uso do galego. O programa inclúe bloques sobre acentuación; ortografía; femininos, plurais e verbos; confusións de uso e curiosidades lingüísticas.

Linguaxe administrativa e xurídica

Outro curso que forma parte da oferta céntrase na linguaxe administrativa e xurídica, con 40 horas de docencia virtual asíncrona. O obxectivo é achegar os recursos suficientes para poder redactar e corrixir textos vinculados co dereito e coa administración cun nivel de calidade que se corresponda co uso propio da lingua galega en ámbitos administrativos e xurídicos. As e os participantes traballarán para acadar un modelo de lingua de calidade, que corrixa as inercias e as dependencias do castelán e analizarán os erros máis frecuentes que se cometen na redacción de textos xurídicos e administrativos desde o punto de vista gramatical.

Corrección da escrita coas TIC

Completa a oferta un curso de 30 horas, tamén en modalidade virtual asíncrona, centrado na Corrección da escrita coas TIC, dirixido a coñecer diferentes ferramentas de corrección e de tradución, optimizar o seu uso e achegarse a outros recursos que axudan a empregar unha lingua de calidade de maneira sinxela.

Para acadar o diploma de cada un dos cursos requírese realizar o 100 % das actividades e superar o 80 % delas, ademais da correspondente proba final. Os cursos de 40 horas están validados con 1,3 créditos ECTS e os de 30 horas cun crédito.