O BNG de Gondomar insta ao goberno local a se facer cargo das débedas que Espina&Delfín reclama a Vilaza por seren propias do Concello. A voceira do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez, é tallante: “a responsabilidade é do Concello”. 

Para a concelleira nacionalista non hai ningunha dúbida. Rodríguez indica que foi a sucesión de decisións tomadas desde gobernos municipais, primeiro por un alcalde do PP e despois polo actual do PSOE, as que levaron á situación de hoxe. “A cronoloxía dos feitos fai evidente que a responsabilidade é do Concello”, insiste.

Primeiro. Desde que en 2012, nunha a asemblea á que asistiu Paula Bouzós como concelleirado goberno, a Comunidade de Augas acordou a cesión da traída ao Concello, o goberno do PPnon asinou a aceptación até tres anos despois, en marzo de 2015 –a dous meses das eleccións municipais–, a través dunha resolución da Alcaldía de Fernando Guitián, pero sen levalo a pleno.

Segundo. Desde que o primeiro goberno de Ferreira revisou aquel acordo de Guitián e foideclarado nulo en febreiro de 2016, até que o BNG coñeceu e destapou o tema no verán de 2022, pasaron seis anos de inacción e desinterese en que nada se fixo.

Terceiro. En xullo de 2022 o goberno do PSOE, por oficio de Alcaldía de Paco Ferreira, ordenou á concesionaria Espina&Delfín que prestara o servizo de abastecemento en Vilaza nas mesmas condicións que as do contrato municipal ata a adxudicación do servizo a unha nova empresa, que aínda se acaba de producir neste ano 2026.

Para o BNG non hai dúbida de que esta situación non a provocou a Comunidade de Augas de Vilaza, “nin a de antes nin a de agora”. A veciñanza de Vilaza non tivo responsabilidade ningunha no despropósito que crearon os sucesivos gobernos. O único que fixeron foi tomar a decisición que consideraron mellor para garantir o servizo da auga á parroquia e confiar en que os gobernos de turno estiveran á altura.

Por iso, para a voceira do Bloque é indignante que agora Ferreira, en vez de pedir perdón por unha situación creada polo seu propio goberno, teña a desfachatez de saír na prensa facéndose o gran salvador da parroquia e dando por feito que deben ser os veciños os que paguen unhas facturas das que ninguén sabía até agora.

Claro que Ferreira garantiza que non vai haber corte de auga, só faltaba”, espeta Manuela Rodríguez, e lémbralle a Ferreira que iso non o converte en ‘heróe’. “É a súa obriga”, indica, porque o abastecemento de auga é un servizo esencial, de competencia municipal e de obrigado cumprimento, “e el, de momento, é o alcalde”.

É por iso que a nacionalista volve instar a Ferreira a que resolva con Espina o que teña que resolver para que a empresa deixe de reclamar supostas débedas a que non lle corresponde, e para que, en Vilaza, a Comunidade de augas poida seguir a facer o seu traballo sen presións, “nin económicas nin de ningún outro tipo”.