O BNG pon a disposición da veciñanza un modelo de alegacións á ordenanza do prezo dos servizos de auga e saneamento, froito do debatido nas reunións informativas realizadas polas parroquias, e pode descargarse do apartado Documentos da páxina web do Bloque.
O prazo de presentación no Concello remata este xoves 17 de setembro, e pódese facer de xeito presencial, en horario de mañá, ou en formato dixital a través da sede electrónica até ás doce da noite.
O documento de alegacións introduce posibles bonificacións con criterios de xustiza social e de protección de colectivos vulnerables, en atención a casos de baixos ingresos e/ou derivados de especiais circunstancias sociais, establecendo os requisitos a cumprir e a documentación requerida para cada un dos casos. Contempla tamén a posibilidade de fraccionar o pago por razón de dificultades económico-financieras transitorias.
Así mesmo, propón incluír na ordenanza a posibilidade de que futuros usuarios compensen a quen asuma o custe dunha acometida naqueles casos en que a lonxitude da prolongación de rede afecte a varias fincas ademais da súa.
No que respecta ás tarifas do servizo de abastecemento, ademais de reducir o incremento das cotas a só un 10%, establece que na parte variable das cotas a ordenanza contemple tarifas progresivas que incentiven o aforro de auga e, en consecuencia, a redución tamén de custes do servizo. Nese sentido proponse a modificación dos tramos de consumo, reducindo a súa amplitude e incrementando o importe do m3 a medida que se pasa de tramo, de xeito que se penalice o consumo excesivo. Unha medida cada vez máis necesaria, nomeadamente en tempos de seca.
Para o prezo do servizo de saneamento a proposta de alegación é rebaixar o incremento do 30% sobre as taxas actuais que figura na nova ordenanza para vivendas e locais industriais, para fixalo no 15%, o mesmo que nesa proposta do goberno local se aplica aos locais comerciais.
Outra das alegacións propón contemplar excepcións xustificadas á obriga de enganche á rede de saneamento. Se ben por razón de saúde pública non se debe permitir a non conexión, non semella xusto que, se existen causas que xustifiquen non facelo, se obrigue a quen estea nesa situación a pagar o prezo do servizo municipal ademais de pagar o baleirado da fosa séptica.
Pola contra, o BNG lamenta que o custe do saneamento non se estableza en función da auga consumida, criterio habitual para o saneamento xa que a auga que se consume é auga que hai que depurar, e que permitiría tamén a progresividade das tarifas por tramos, de xeito que quen máis consuma e máis contamine, pague máis. Porén, este foi un criterio que o goberno non quixo contemplar.
