O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar denuncia a acumulación reiterada de obxectos voluminosos arredor dos contedores de lixo nas parroquias do concello, unha situación que se produce no mesmo ano no que entra en vigor a nova taxa do servizo de recollida do lixo, aprobada polo goberno municipal e que se comezará a aplicar a partir deste mes de outubro.

O BNG faise eco das queixas da veciñanza, en parroquias como Borreiros ou Donas, onde mobles, aparellos domésticos e outros obxectos voluminosos quedan abandonados durante días xunto aos contedores de lixo ordinario, nunha imaxe que se repite ao longo de todo o concello.

As veciñas e veciños lamentan que haxa quen deposita eses materiais nas illas de contedores de xeito irregular, mais tamén que o Concello non pase a recollelos cando avisan da situación.

Para a organización nacionalista a responsabilidade principal segue a ser do goberno municipal, que non actúa sobre as causas do problema. Denuncia que, semana tras semana, repítense imaxes semellantes en distintos puntos do concello sen que o goberno adopte ningunha medida real para corrixilas.

Máis custo, mesmo mal servizo

O BNG considera inaceptable que, precisamente no ano no que se lle esixe á veciñanza un maior esforzo económico coa nova taxa, o servizo siga amosando as mesmas carencias de sempre. Defende que, se sobe o prezo, ten que subir tamén a calidade da prestación, “o contrario é pedirlle máis á xente para darlle o mesmo ou incluso menos”.

É por iso que o BNG de Gondomar esixe ao goberno de Ferreira que explique en que se traduce a nova taxa en termos de mellora real do servizo. «Non podemos aceptar que se lle suba o recibo á veciñanza un 73,75% e que o único que reciban a cambio sexa o mesmo mal servizo de sempre”, incide Rodríguez.

No que se refire á queixa veciñal polo amoreamento de lixo nas illas de contedores, desde o Bloque instan a desenvolver campañas efectivas de sensibilización e educación ambiental, de popularización da  existencia e o funcionamento do servizo do punto limpo (e do desconto polo seu uso na taxa a pagar), ou da recollida de voluminosos a domicilio. A realizar o control deses depósitos irregulares que se estenden polo concello e a axilizar a retirada do que se vai acumulando e a limpeza das illas.

Lembra Rodríguez, que todas estas cuestións fan parte do servizo municipal de xestión dos residuos, “tal como figura no informe económico que Ferreira utilizou para xustificar o ‘subidón’ do recibo que teremos que pagar antes de final de ano”. En definitiva, o BNG insta ao goberno local a mellorar o servizo de xestión de residuos na mesma proporción en que subiu a taxa do lixo.