O Grupo Municipal Socialista da Guarda levará ao vindeiro Pleno municipal unha moción para reclamar ao goberno de Roberto A. Carrero a posta en funcionamento do Bloque 1 do antigo colexio Sinde antes do 31 de outubro.

As obras de rehabilitación remataron en outubro de 2025 e, case un ano despois, «as novas instalacións continúan sen estar operativas nin a disposición das asociacións da vila».

Desde o Grupo Municipal Socialista consideran que, transcorrido este tempo, “xa non valen máis escusas” e reclaman ao goberno municipal que explique con claridade que actuacións quedan pendentes e cando vai abrir definitivamente o edificio.

“Levamos meses pedindo explicacións e mentres as asociacións seguen sen poder utilizar unhas instalacións que xa están rematadas. Que se deixen de escusas e de xerar expectativas nas asociacións que despois non se cumpren”, sinalan os socialistas.

A rehabilitación do Bloque 1 foi impulsada no anterior mandato municipal, no que se encargou a redacción do proxecto e se conseguiu unha achega de 709.738,81 euros a través do PON2030 da Deputación de Pontevedra. O proxecto foi concibido para crear despachos para asociacións, salas de reunións, aulas compartidas, espazos insonorizados para ensaios e mellorar a accesibilidade do inmoble mediante a instalación dun ascensor.

Para o Grupo Socialista, o atraso na apertura é tamén unha cuestión de prioridades: “Todo goberno decide a que lle dedica tempo e esforzos. Se a posta a disposición destes espazos para as asociacións fose realmente unha prioridade para Carrero, consideramos difícil entender que o edificio continúe pechado case un ano despois de rematar a obra”, declara Fátima Rodríguez, portavoz do PSOE.

As asociacións da Guarda realizan durante todo o ano un enorme traballo social, cultural e comunitario. Apoialas non consiste só en dicir que son importantes, senón tamén en poñer á súa disposición os recursos públicos que necesitan para desenvolver a súa actividade”, sinalan.

A moción presentada polo PSOE establece como obxectivo que as instalacións estean abertas antes do 31 de outubro de 2026. Se existise algunha circunstancia técnica ou administrativa debidamente xustificada que impedise cumprir ese prazo, os socialistas solicitan que o Goberno informe á Corporación antes do 15 de outubro dos motivos concretos, das actuacións necesarias para resolvelos e da data prevista para a apertura definitiva.

“Unha infraestrutura pública non cumpre a súa función cando remata a obra nin cando se coloca unha placa na súa fachada. Cúmprea cando abre as súas portas e pode ser utilizada pola veciñanza. O Sinde leva demasiado tempo esperando ese momento”, rematan os socialistas.