O portavoz do BNG na Guarda, Anxo Baz, acusou hoxe ao alcalde, Roberto Carrero, de «ignorar os problemas reais da veciñanza» e de desatender as necesidades máis básicas dos habitantes do municipio. Segundo o Bloque, o rexedor amosa unha «total incapacidade» para xestionar o día a día da vila, mentres se centra en exclusiva nunha estratexia de propaganda.

Anxo Baz sinalou o evidente deterioro dos servizos públicos, denunciando que as rúas da Guarda están «cada vez máis sucias, cheas de fochancas e sen papeleiras». Para o portavoz nacionalista, esta falta de xestión diaria convive cunha ausencia absoluta de plans a longo prazo, “Roberto Carrero carece de proxectos de futuro. En todo o mandato foi incapaz de dar un só paso para ofrecer terreos á Xunta destinados á construción de vivenda pública, o auditorio, o centro de día ou o tan anunciado CIS, mentres a veciñanza permanece abandonada nos seus problemas”.

O nacionalista foi especialmente duro respecto á recente presentación dos orzamentos municipais. Baz recriminou ao alcalde que intente «disimular a súa ineficacia» atribuíndose de xeito «fraudulento a captación de case 4 millóns de euros procedentes doutras administracións cando en realidade son fondos que xa estaban concedidos antes de que Carrero chegase á alcaldía«, matizou.