Yasmina Moreira

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de elixir a Yasmina Moreira como candidata á Alcaldía de Baiona para as eleccións municipais de 2027. A asemblea local acordou a súa elección por unanimidade destacando o seu traballo como concelleira de Igualdade e Mocidade, entre os anos 2019 e 2023, e tamén o seu papel no activismo social e cultural da vila.

Moreira agradeceu a confianza da militancia do BNG para encabezar un proxecto transformador que definiu como “realista, valente e ambicioso” e que aspira a “mudar a deriva” de Baiona co actual Goberno municipal do PP. Nese sentido, fixou como obxectivo multiplicar a representación nacionalista para volver ser unha forza determinante no Concello e poñer fin a catro anos de “desgoberno da dereita” que agravaron os problemas da veciñanza. “O BNG seremos a garantía do cambio en positivo que necesita Baiona”, remarcou.

A candidata do Bloque marcou como prioridades da súa proposta facilitar o acceso á vivenda e reforzar os servizos públicos. Asegurou que todas as persoas que queren un cambio no concello van ter na alternativa nacionalista unha “garantía doutra maneira de gobernar, contando coas veciñas e veciños, e non de costas a elas”. Moreira defendeu tamén a necesidade de máxima transparencia e dunha “xestión limpa” fronte a un goberno do PP que se demostrou envolvido en “escuros intereses privados”.

Chamou así a concentrar o crecente apoio social do BNG en Baiona, sendo segunda forza nas últimas eleccións galegas, nuns comicios municipais que considerou chave para o futuro do concello. “Encabezo esta candidatura con forza e determinación para representar á xente de todas as parroquias”, afirmou.

Recuperar a vivenda fronte aos pisos turísticos

 Moreira fixou como prioridade do Bloque as políticas de vivenda diante dun contexto que continúa a expulsar a veciñas e veciños pola presión dos pisos turísticos. “Temos que recuperar a vida da vila e dar solucións para que a xente poida ficar a vivir onde naceu”, defendeu “Queremos unha Baiona na que poder vivir e para iso só se precisa vontade política e colocar o Concello ao servizo da veciñanza”, engadiu.

A candidata nacionalista puxo en valor o modelo municipal do Bloque, salientando que “xa demostramos que alí onde o BNG é determinante e goberna que transformamos os concellos facendo vilas e cidades máis habitábeis, con máis calidade de vida, con mellores servizos públicos e respectuosas co medio ambiente”. Asegurou que ese é “o impulso que Baiona necesita e merece”.

Dende a asemblea local nacionalista salientaron a capacidade, experiencia e compromiso de Moreira, poñendo en valor ademais o traballo realizado como concelleira de Igualdade e Mocidade en Baiona, con proxectos como a Primavera Lila ou o Novembro Lila, que agora foron desmantelados polo PP.