A portavoz nacional, Ana Pontón, apelou en Mondariz Balneario a unir no BNG o voto galego nas eleccións xerais do 29N para darlle máis forza a Galiza e para gañar en dereitos e vida digna.
“Temos que concentrar no BNG o voto galego, o voto que ten a Galiza na cabeza e no corazón para acabar co guión da discriminación a este País”, proclamou nun mitin de precampaña xunto aos cabezas de lista ao Congreso por Pontevedra e pola Coruña, Carme da Silva e Néstor Rego, respectivamente.
Pontón chamou a “alzar a voz” dándolle “máis forza ao BNG” para dicir que “aquí está Galiza” fronte á “sordina bipartidista” que considera aos galegos e ás galegas como “a última carta da baralla”.
A líder nacionalista incidiu na necesidade de que Galiza teña máis “peso político” en Madrid da man do Bloque, porque isto implica ter máis capacidade de presión en favor dos galegos e das galegas, máis atención do Goberno central aos problemas do País ou máis investimentos e un mellor financiamento para infraestruturas e servizos. “Somos a esperanza doutra política posible que é máis urxente que nunca”, subliñou, para advertir a continuación sobre un modelo, cuestionado cada vez por máis xente, que crea máis desigualdade e pobreza, entre clases sociais, pero tamén entre pobos.
Neste sentido, recordou que o territorio que máis medrou no Estado nos últimos 25 anos foi Madrid, unha gran aspiradora de recursos, riqueza e investimentos. “Nestes 25 anos, a pesar de que temos máis recursos naturais que Madrid e de que somos produtores netos de enerxía e Madrid non, Galiza perdeu peso no PIB do Estado e perdeu poboación e industria”, advertiu.
A portavoz nacional reivindicou ao Bloque tamén como garantía na defensa dos dereitos das maiorías sociais e dunha unha vida digna fronte a un bipartidismo sistémico que traballa para seguir concentrando a riqueza nas mans duns poucos, para seguir centralizando en Madrid investimentos e infraestruturas e para seguir alimentando unha espiral belicista que considerou un disparate.
Pontón recordou neste punto que o gasto militar do Estado para 2026 ascendeu a 35.419 millóns de euros, mentres que nos seus orzamentos só incluíu 2.235 millóns ás políticas de vivenda.
“Se queremos cambiar estas prioridades temos que unir no BNG ás persoas que queren unha sociedade máis igualitaria, con dereitos, liberdades e paz, unir todo o voto das persoas que levamos a Galiza na cabeza e no corazón e que lles indigna e doe a discriminación deste País”, sintetizou.
Pola súa parte, Carme da Silva asegurou que as eleccións do 29N son unha oportunidade de esperanza e de construír un futuro mellor para as galegas e os galegos. Chamou á cidadanía a elixir con convicción, orgullo e amor ao País, sen medo e con ilusión, para que Galiza gañe peso político no Estado e conte en Madrid cunha voz propia, libre de ataduras e que só responda ante o pobo galego.
A candidata por Pontevedra insistiu en que cada apoio ao Bloque ten peso á hora de facer valer os intereses do país e conseguir que sexa unha prioridade. Fronte a quen chama a conformarse co mal menor, defendeu a necesidade de votar con ambición, orgullo e ilusión, pensando no futuro que merece Galiza e non nas opcións que simplemente se presentan como unha alternativa á dereita.
No referido ás necesidades da comarca do Condado e do sur da provincia, Da Silva comprometeuse a incorporalas na súa axenda galega nas Cortes. Entre as principais reivindicacións citou a construción da ponte internacional que dea servizo á Plisan e mellore a conexión con Portugal, a posta ao día da N-120, o reforzo da conectividade e unha estratexia de mobilidade específica para o sur da provincia. Tamén reclamou máis partidas e investimentos para garantir uns servizos públicos de calidade no rural.
Néstor Rego, pola súa banda, animou a multiplicar a confianza no BNG o 29N porque “non defraudamos. Cumprimos cos galegos e coas galegas, coas políticas sociais e de avance democrático e coa obriga política de parar ao bloque reaccionario”. Contrastou a actuación do BNG centrada na defensa dos intereses da Galiza co “total esquecemento das outras forzas políticas con representación galega, que nas campañas prometen e en canto chegan a Madrid xa Galiza non existe”.
Neste sentido, subliñou que o BNG é a única forza política que nada máis chegar ás Cortes negociou un acordo que “puxo o noso País na axenda política do Estado, ninguén máis o fixo”. Un acordo que supuxo importantes actuacións para o País, como as bonificacións da AP-9 e da AP-53, a quita da débeda, a mellora e modernización de liñas ferroviarias, o estudo das cercanías, o aumento dos fondos para a dependencia, o incremento das pensións mínimas e non contributivas por riba do IPC, os novos xulgados de violencia de xénero ou o estudo da conexión ferroviaria directa entre Lugo e Santiago, entre outras moitas.
“Cumprimos coa Galiza porque o BNG é unha voz insubornábel na defensa dos seus intereses. Somos a única alternativa real á hora de colocar a Galiza na axenda estatal”, aseverou. Por iso, puntualizou, presentámonos ás eleccións do 29N co orgullo de termos cumprido os nosos compromisos coa Galiza, coas defensa de políticas sociais avanzadas e como dique fronte ao bloque reaccionario. “O traballo realizado polo BNG é a mellor garantía de futuro para a Galiza”, remarcou.
Néstor Rego apelou, por último, as persoas que poidan estar decepcionadas cos incumprimentos das forzas do Goberno “a non quedar na casa, que favorece a dereita, porque na Galiza hai alternativa, está o BNG. Somos a única forza política que medra. Necesitamos máis apoio para frearmos as dereitas e termos unha representación mais forte en Madrid que dea esperanza aos galegos e ás galegas”, concluíu.
