O BNG de Gondomar apoia a folga xeral convocada para este mércores, 11 de novembro, baixo o lema ‘Galiza en loita por unha vida digna’, co obxectivo de reivindicar o control dos prezos da vivenda e dos bens básicos, a recuperación do poder adquisitivo e a garantía dos servizos públicos esenciais.
A iniciativa reclama medidas urxentes fronte ao encarecemento do custo da vida e á emerxencia habitacional que están a sufrir as clases populares, as persoas traballadoras e as familias galegas.
O BNG alerta de que vivir en Galiza é cada vez máis caro, mentres os salarios e os ingresos das familias non medran ao mesmo ritmo que os prezos. A alimentación, a vivenda, a electricidade, os combustíbeis e o transporte están a reducir a capacidade económica dos fogares e a comprometer tamén a actividade de persoas autónomas, pequenos comercios e sectores produtivos.
A moción reclama políticas públicas orientadas a reducir o custo da vida, intervir nos prezos dos bens esenciais e da enerxía, mellorar os salarios e actualizar as pensións. Así mesmo, reivindica a garantía dos servizos públicos esenciais, como a sanidade, a educación, os servizos sociais e os coidados, como elementos fundamentais para asegurar unhas condicións de vida dignas.
A crise da vivenda
A formación nacionalista pon o foco na crise da vivenda, que considera un dos principais factores de precarización e empobrecemento social. Por iso, a moción reclama á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a adopción inmediata de medidas efectivas para conter a escalada dos alugueiros e garantir o acceso a unha vivenda digna a prezos accesíbeis.
Entre as propostas, o BNG esixe a declaración de zonas de mercado residencial tensionado para poder limitar os prezos dos alugueiros; a regulación e limitación estrita das vivendas de uso turístico; e a creación dun verdadeiro parque público de vivenda de alugueiro protexido e accesíbel, mediante a mobilización da vivenda baleira e a xestión dos inmóbeis procedentes da SAREB, que en Galiza actúa, “como un verdadeiro fondo voitre” denuncian.
O BNG considera que a inacción da Xunta contribúe a agravar o problema e a expulsar a veciñanza dos seus concellos. Neste sentido, defende que a vivenda debe ser tratada como un dereito fundamental e non como un instrumento de especulación, especialmente nun contexto que dificulta a emancipación da mocidade e compromete a estabilidade económica de numerosas familias.
A realidade galega
A voceira do BNG Manuela Rodríguez defendeu no Pleno que na Galiza sobran os motivos para a folga e a mobilización. A concelleira destacou que realidade galega non se pode reducir a un problema conxuntural do Estado, senón que responde a un modelo de dependencia e espolio que fai que, malia a riqueza en recursos naturais e enerxéticos do país, Galiza soporte salarios e pensións máis baixos, mentres exporta fóra o valor engadido da súa produción.
Denunciou que os fogares e as empresas galegas pagan a enerxía a prezos elevados malia producila, que os sectores produtivos padecen o incremento dos custos mentres reciben prezos insuficientes pola súa actividade e que a dispersión poboacional e as peaxes encarecen aínda máis a vida diaria. Mentres, as grandes empresas enerxéticas, a banca e as inmobiliarias acumulan beneficios históricos.
Rodríguez incidiu en que a fenda social non é un mal inevitable, senón que é consecuencia de decisións políticas, e demandou un financiamento que teña en conta o custo real dos servizos públicos nun país como o galego, disperso e envellecido. Reclamou responsabilidades ao Estado é á Xunta, defendendo que os recursos públicos deben estar ao servizo das persoas, non do mercado especulativo.
Por todo isto, subliñou, é necesaria a folga do 11N, e instou a que o Concello de Gondomar manifeste o seu apoio e solidariedade coa folga xeral do 11 de novembro e que garanta plenamente o exercicio do dereito fundamental de folga do persoal empregado público da institución municipal.
