O BNG traballará en Madrid para garantir a conectividade dixital galega con especial atención ás zonas rurais e transfronteirizas, onde milleiros de persoas seguen sen acceso a unha conexión de calidade.

A cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, trasladou este compromiso nun encontro en Covelo, onde denunciou a situación de escuridade dixital que sofre este concello, igual que outras zonas das comarcas do Condado-Paradanta e o Baixo Miño, e reclamou máis forza para o Bloque para conseguir que os servizos básicos cheguen tamén a quen vive fóra das cidades.

Da Silva advertiu de que é inaceptable que nun momento no que cada vez máis servizos e trámites dependen da conexión a internet haxa lugares onde a veciñanza non pode acceder á fibra nin dispón dunha cobertura móbil adecuada. “En Madrid non pensan que hai zonas de Galiza onde non hai cobertura. Non podemos deixar un servizo público tan necesario en mans de empresas que só o levan alí onde lles resulta rendible”, sinalou.

A candidata explicou que a falta de conexión non é simplemente un problema para navegar por internet, senón que limita o acceso a servizos bancarios, sanitarios, prestacións sociais e mesmo á protección das persoas. Por iso, defendeu que a conectividade debe entenderse como un servizo básico que ten que estar garantido para toda a poboación, viva onde viva.

O BNG alerta de que a falta de conectividade ten consecuencias especialmente graves cando afecta servizos relacionados coa seguridade e a atención ás persoas. Da Silva lembrou que o Bloque introduciu unha emenda na Lei de Dependencia para recoller a necesidade de garantir a cobertura nas áreas rurais e transfronteirizas, porque a teleasistencia non serve de nada se unha persoa pulsa o botón de emerxencia e non hai conexión para recibir o aviso.

O mesmo problema afecta os dispositivos do sistema Vioxén para a protección das vítimas de violencia machista: sen cobertura, non se pode garantir que as alertas cheguen cando máis se necesitan. Para o BNG, non se pode avanzar na dixitalización dos servizos públicos sen asegurar antes que funcionan en todos os lugares.

Pola súa banda, a candidata do BNG á Alcaldía de Covelo, Belén García, denunciou que a situación do rural contrasta coa das cidades e que mesmo hai vivendas ás que lles pasa o cable de fibra por diante da porta, pero que non poden conectarse porque non se instalaron as caixas necesarias. “As infraestruturas chegaron con subvencións do Estado, pero non se puxeron os elementos suficientes para que a conexión chegue a todas as casas. Demandamos que todas as persoas teñan acceso a internet, sen importar onde vivan”, reclamou.

A reivindicación de Covelo enmárcase no traballo que o BNG estivo a desenvolver nas institucións para combater a desigualdade dixital durante as anteriores lexislaturas, defendendo que as políticas de conectividade deben planificarse pensando no conxunto do territorio. Por iso, Da Silva reclamou máis forza e peso político do BNG en Madrid para que as zonas rurais e transfronteirizas conten nas políticas e iniciativas que se deciden no goberno central. “Tanto tes, tanto vales, e só se o Bloque ten máis forza nas Cortes solucionaranse estas situacións no noso país: aos partidos madrileños esquécenlles as necesidades de Galiza cando pasan o Padornelo”, salientou.