O BNG de Gondomar denuncia que o desgoberno e o despotismo de Paco Ferreira están poñer en perigo o normal funcionamento do Concello de Gondomar. A organización nacionalista sinala que non só crea caos nas contas por non ter un orzamento actualizado senón que tamén enturba o ambiente de traballo debido á súa incompetencia para dirixir con eficacia ao cadro de persoal do Concello
A portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, indica que ao descontrol de Ferreira nas finanzas municipais –que pon en risco desde o pago de servizos até as nóminas das traballadoras–, súmaselle a súa nefasta xestión laboral, algo que “non se lle debería permitir a unha persoa que ostenta as áreas de facenda e persoal e cobra 50.000 euros ao ano”. Considera Rodríguez que “este desarranxo no seu desempeño debería incapacitalo para exercer de Alcalde”.
Sae así o BNG ao fío da nova que publicaba que axentes da policía local denunciaran en inspección ao Alcalde, o seu xefe inmediato, pola grave deterioración das condicións de traballo e os reiterados incumprimentos en materia laboral a que están expostos. Para a voceira do BNG o que está a denunciar a policía local “non é un caso illado; máis ao contrario, constitúe unha situación que se repite noutros departamentos municipais”.
Para o BNG isto é así, por un lado, pola incompetencia do goberno de Ferreira que non é quen de dotar ao Concello do cadro de persoal necesario para o correcto desempeño das súas tarefas. Un claro exemplo é a incapacidade de sacar adiante as súas propias ofertas de emprego público (OEP). Así, en outubro foron declaradas caducadas as OEP de 2022, para a estabilización de postos de traballo cubertos en interinidade, e a de 2023, deixando sen completar máis de 10 prazas. E nada se sabe das dos anos posteriores.
Por outro lado, e malia que Ferreira negue o acoso laboral, para as nacionalistas non é de estrañar que se estendan ao conxunto do persoal do Concello “as actitudes despectivas, despóticas e prepotentes coas que o alcalde adoita tratar a integrantes da corporación municipal, entre as que me conto, que son evidentes e doadas de comprobar co simple visionado dos debates plenarios”, asegura Rodríguez.
Unha combinación esta, a falta de persoal e as condicións laborais precarias, que á forza ten que causar sobrecarga e malestar e influír de xeito negativo no rendemento, no estado anímico e na saúde do conxunto do cadro de persoal do Concello, poñendo en risco o funcionamento normal dos servizos municipais.
O BNG, que se solidariza cos traballadores e traballadoras municipais, volve denunciar que o Concello de Gondomar segue sen se dotar do Plan de Igualdade e do Protocolo de Prevención do Acoso Laboral aos que está obrigado por número de empregados, e insta á Inspección de Traballo a actuar de oficio para velar por que a administración local cumpra coas todas as obrigas en materia laboral, como garantía dun mellor servizo á veciñanza de Gondomar.
