A portavoz nacional, Ana Pontón, apelou a unir no BNG todo o voto de País o 29N para que Galiza gañe e para avanzar en dereitos e vida digna no mitin de campaña celebrado en Tomiño, xunto á cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva.
Pontón indicou que “Galiza xógase moito” nestas eleccións xerais e remarcou que se hai un momento en que os galegos e as galegas, máis que nunca, téñense que facer valer é agora.
“Temos que facernos valer e precisamente isto é o que nos xogamos o próximo 29 de novembro, que Galiza se faga valer no Estado, que se nos respecte, que os nosos problemas teñan solucións e, para iso, só hai un camiño, concentrar todo o voto galego de País e inconformista no BNG”, proclamou nun mitin no que tamén participaron a alcaldesa, Sandra González, e Álvaro Lamas e Sabela Méndez, candidatos por Pontevedra ao Congreso e ao Senado, respectivamente.
A líder nacionalista reivindicou o traballo realizado polo BNG nos últimos anos que só cun deputado e unha senadora fixo máis por Galiza que o resto ao servizo das forzas estatais e augurou un gran resultado do Bloque nestas eleccións xerais que permitirá ter tamén unha representante por Pontevedra á altura do necesario. “Carme da Silva será unha magnífica deputada, igual que foi unha magnífica senadora e unha magnífica concelleira en Pontevedra”, salientou.
Un gran resultado do BNG que, dixo, non só nota nas rúas, senón tamén no nerviosismo dun PP que revelou de maneira especial na folga xeral na que os galegos e as galegas se mobilizaron masivamente co BNG da man e pola que acusaron ás organizacións convocantes de “mafia” e “lixo”. “Eu creo que lixo son as políticas que xogan coa vida da xente para que unha minoría se faga rico mentres miles de mozos e mozas non teñen futuro neste País, que é a política que practicou o Partido Popular e o señor Feijóo durante estes anos”, criticou.
Pontón reivindicou ao BNG como a alternativa en Galiza ás receitas antisociais dun Feijóo cuxa visita hoxe a Galiza podía aforrarse porque as súas políticas son ben coñecidas polos galegos e as galegas, que as sufriron durante 13 anos.
“O que fixo en 13 anos foi triplicar a débeda pública, recortar na sanidade, na educación, na dependencia e deixar tirada á xente deste País dinamitando a política de vivenda”, recordou, para afear ao expresidente da Xunta que só se acorde dos galegos e das galegas para vir a pedir o voto porque dende que foi a Madrid nin el, nin o seu segundo, Miguel Tellado, falaron nin unha soa vez de Galiza nas Cortes.
Nesta liña, reprochou a Feijóo que prometa solucionar o problema da vivenda cando mentres foi presidente da Xunta, con competencias exclusivas na materia, o que fixo foi “dinamitar a política de vivenda e favorecer a especulación” e entregar tan só 15 vivendas en alugueiro.
Por iso, considerou que o seu anuncio de eliminar o Ministerio de Vivenda responde á súa defensa do dereito á especulación fronte á defensa do dereito da xente a unha vivenda digna.
“Non vos sorprendades se na súa política de demolición das políticas de vivenda acaba fichando ao CEO dese fondo voitre chamado Blackstone, porque o Partido Popular está máis cerca dos fondos voitre que da xente que quere ter unha vivenda, máis cerca dos especuladores que da mocidade que ten dereito a ter futuro e unha casa na que poder facer realidade os seus soños», advertiu.
Polo tanto, incidiu, “se queremos políticas valentes de vivenda o próximo 29 de novembro hai que concentrar o voto no BNG, facer que este País se faga valer e defender os dereitos da xente, da maioría social”, sintetizou.
A portavoz nacional criticou un modelo cuestionado cada vez por máis xente, que crea máis desigualdade e pobreza, entre clases sociais, pero tamén entre pobos. Neste sentido, recordou que todas as nacións e territorios perderon peso relativo na riqueza do conxunto do Estado salvo Madrid, que concentra o 20% do PIB.
“Non é por Ayuso, nin porque alí o fagan mellor, nin porque teñan máis recursos, é o deseño centralista do Estado que ademais é funcional para que os grandes grupos económicos acaparen máis recursos, máis investimento”, explicou para apelar a “romper ese deseño” votando ao BNG.
Pontón tamén advertiu sobre un contexto de involución a nivel internacional marcado polas guerras e os xenocidios, no que se impoñen discursos de odio e no que se cuestionan os avances sociais que tanto custou conquistar, mentres se aumenta o gasto militar. Neste punto, recordou que o gasto militar do Estado xa absorbe 35.000 millóns, mentres que o previsto para políticas de vivenda só ascende a 840 millóns.
“É dicir, 25 veces máis para armas que para políticas de vivenda, isto non é xusto e o que nos dicimos é que estamos ante un problema de prioridades e no BNG temos claras cales son as nosas prioridades: sanidade pública e non mísiles, pensións e non armas e darlle futuro á mocidade e non investir en balas”, remarcou.
Ante unha campaña electoral na que se está tentando reforzar o bipartidismo sistémico, a líder nacionalista recordou que o 29N vai da vida da xente, de que Galiza se faga valer, de que se lle dea o financiamento que o País merece para infraestruturas e servizos ou de que se defenda o Miño e se conecte o País con Portugal a través do tren polo que tanto leva esperando. “Por iso o que vos pido é que o próximo 29 de novembro vaiamos a votar con ilusión para que teñamos en Madrid a Carme da Silva para defender os dereitos das mulleres e dos homes deste País”, concluíu.
BNG, o equipo da casa
Pola súa parte, Carme da Silva chamou a votar o 29N “a favor de Galiza” e a romper con décadas de bipartidismo que pretende que o País siga aceptando decisións tomadas de costas aos seus intereses. “Ateiguemos as urnas de papeletas por Galiza, de papeletas do BNG. Nestas eleccións votemos con orgullo de país, fagámonos respectar. Fagamos que Galiza conte!”, proclamou.
A cabeza de lista por Pontevedra reivindicou o BNG como “o equipo da casa”, a única opción que ten Galiza como prioridade, que coñece a realidade do país e traballa para dar resposta aos problemas que afectan no día a día ás galegas e aos galegos. Facerse valer e respectar, explicou, significa ter forza suficiente para condicionar as políticas do Estado e conseguir solucións, non conformarse con que as demandas galegas figuren nos discursos ou nas axendas.
No caso de Tomiño e da comarca, Da Silva puxo o foco no río Miño, un elemento que define o territorio e que debería ser un espazo de encontro, riqueza e oportunidades, pero que segue a ser tratado polo Estado como unha fronteira. “Desde Madrid ven o Miño como un límite, como se non houbese nada ao outro lado, en lugar de velo como unha oportunidade ambiental, turística, económica e de relación con Portugal”, denunciou.
“O Miño non pode seguir sendo un caudal privatizado e regulado unicamente en función do prezo da electricidade. Ameazado cun novo encoro de Naturgy en Crecente. Facernos valer é esixir a recuperación ambiental e a desmilitarizacion do Miño. Facernos valer é devolverlle ao río da nosa bandeira todo o seu poder de unión económica, social, cultural e lingüística”, subliñou.
A candidata reclamou tamén solucións aos problemas de conectividade do territorio, a recuperación dos fondos estatais para a ponte peonil que debe conectar Tomiño con Cerveira e unha Autoridade Única de Gobernanza Transfronteiriza que coordine a xestión do territorio e dos recursos europeos que agora administran a Xunta e o Estado, pero que non chegan como deberían a cubrir as necesidades reais da Raia.
Da Silva defendeu que o Baixo Miño precisa que as súas demandas teñan peso nas decisións que se toman en Madrid e que os compromisos se traduzan en actuacións concretas. “Por iso -sentenzou-, para que Galiza conte, para que Tomiño e o Baixo Miño conten, necesitamos máis forza do BNG nas Cortes, unha forza que sexa determinante para conseguir solucións”, concluíu.
