“Estamos dobremente discriminadas, por mulleres e por galegas. Hai que romper con esa dobre discriminación”, dixo hoxe a cabeza de lista do BNG ao Congreso, Carme da Silva, nun encontro feminista celebrado en Cangas. Por iso, reclamou máis peso político do Bloque nas Cortes co fin de avanzar nas políticas de igualdade e a lexislación contra a violencia machista tendo en conta a realidade do país.

Como exemplo da discriminación, Da Silva referiuse á organización dos centros de crise contra a violencia sexual, para os que a lexislación estatal non permite crear o número suficiente para responder ás necesidades dun país como Galiza cunha poboación dispersa e unha realidade territorial propia. Defendeu que estes servizos deberían estar vinculados, cando menos, a cada área sanitaria para que todas as mulleres poidan identificar o seu centro de referencia e acceder a atención as 24 horas. Tamén reclamou que sexan servizos públicos, fronte á súa privatización, e que conten cun financiamento suficiente e adaptado ás necesidades galegas.

“Non queremos máis minutos de silencio; queremos recursos económicos para loitar contra a violencia machista”, reivindicou, cuestionando que Cangas apenas dispoña de dunha partida mínima dos fondos estatais do Pacto de Estado. “Como se pode esixir a un concello que loite contra a violencia machista se os fondos que lle asigna o Estado son de 19.000 euros? Aínda que digan que son moi feministas… un ‘repasiño’ necesitan”, cuestionou.

Neste sentido, Da Silva denunciou a falta de vontade política para destinar recursos á protección das mulleres mentres se aproban enormes investimentos en gasto militar. Ao seu xuízo é un problema de prioridades. “Hai recursos para mellorar a sanidade que necesitamos, para reforzar a rede de coidados e para evitar que asasinen as mulleres. Ten que ser unha prioridade política facelo”, dixo, reclamando que as administracións deixen de limitarse a discursos e eslogans.

A candidata nacionalista lembrou tamén que a desigualdade das mulleres en Galiza maniféstase tamén no emprego, nos salarios e nas pensións, ámbitos nos que seguen a soportar as peores condicións, polo que defendeu melloras salariais, a recuperación de dereitos laborais e que as pensións máis baixas suban por riba do IPC. Puxo como exemplo a situación das mariscadoras, que sofren as consecuencias da crise climática e das dificultades das rías, sen contar cunha protección laboral e económica adecuada. “Son mulleres galegas” e, unha vez máis, insistiu, dende Madrid “non se ten en conta a nosa realidade”, advertiu.

Da Silva incidiu ademais noutro aspecto: na necesidade de adaptar os mecanismos de protección pola violencia machista á realidade do territorio galego e ás dificultades de comunicación que existen en moitas zonas rurais do país. Referiuse expresamente ás mulleres que viven en áreas sen cobertura móbil e que precisan garantías de protección efectivas cando teñen asignados dispositivos de seguimento. “Desde Madrid non entenden que hai zonas de Galiza nas que non hai cobertura. Pero esas mulleres teñen que estar protexidas as 24 horas”, sinalou.

Tamén tivo palabras a nacionalista para Feijóo. Referiuse á imaxe de falsa moderación que lle atribúe a prensa madrileña aínda que cando presidía a Xunta apoiou a rede antiabortista ‘Red Madre’ e introduciu o concepto de ‘concibido non nacido’ na Lei galega de apoio á familia, un termo “que despois lle copiou Isabel Díaz Ayuso”, en Madrid.  “Foi ela a que lle copiou a el, non ao revés”, dixo a candidata, insistindo en que promoveu en Galiza medidas contrarias aos dereitos das mulleres.

Finalmente, Carme da Silva chamou a non dar ningún paso atrás e a seguir avanzando no feminismo, porque “non avanzar tamén significa retroceder”. “Cada xeración de mulleres temos a obriga de impulsar medidas para que as que veñan despois poidan seguir avanzando”, afirmou. Por iso, pediu converter o 29N nunha oportunidade para reforzar a representación do BNG nas Cortes e garantir que as reivindicacións das mulleres galegas teñan voz forte. “Non podemos actuar co medo de quen nos quere facer retroceder. Temos que seguir empuxando, seguir avanzando e conseguir máis forza política para facelo posible. Ás mulleres galegas non nos para ninguén”, concluíu.

Pola súa banda, a responsable de acción feminista do BNG no Morrazo, Iria Aboi, destacou que estas eleccións non son unhas máis para as mullleres. Reivindicou o papel do BNG como unha barreira que defende os dereitos das mulleres e leva as súas reivindicacións ás institucións cunha visión galega que ten en conta a realidade e as necesidades propias do país. Volveu poñer como exemplo a loita das mariscadoras, cuxas demandas conseguiu trasladar o Bloque a Madrid e comprometeu o traballo da formación para lograr o recoñecemento das súas enfermidades profesionais e garantir que esta situación non prexudique as súas futuras xubilacións.

Aboi defendeu tamén que máis forza do BNG é fundamental para combater a carestía da vida, reforzar os servizos públicos e dignificar os traballos de coidados, que recaen maioritariamente nas mulleres, e chamou a erguer un dique galego, social e antifascista fronte ao avance reaccionario. “Se non fose polo dique feminista que erguemos, hai tempo que estariamos moito peor. Se non fose polo dique do BNG, hai tempo que este país tería estado peor”, subliñou. “Hai que pararlles os pés, activarnos nós para desactivalos a eles. Non imos renunciar a nada nin dar un paso atrás para coller impulso”, pediu ás mulleres asistentes, facendo referencia tanto a frear a “gruñóns” e “cuñados” como ás forzas centralistas.

A alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, participou no encontro subliñando que o Morrazo é un pobo activo e reivindicativo que ten claro que o feminismo debe permanecer no debate. Salientou que as mulleres “estamos preocupadas, atentas e en alerta”, pois cada dereito adquirido conseguiuse con pelexa, mais subliñou que “estamos afeitas a dar a loita”, polo que pediu unha grande mobilización e apoio ao BNG o 29N.