A portavoz nacional, Ana Pontón, chamou desde Vigo a concentrar o voto galego no BNG para frear nas urnas as políticas en favor da especulación coa vivenda que Feijóo xa anticipou en Galiza, cun Goberno do PP que dinamitou a política social de vivenda, paralizou a construción de vivenda pública e incumpriu as súas obrigas á hora de garantirlle aos galegos e ás galegas o dereito á vivenda.

Pontón visitou xunto á cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, aos veciños e veciñas afectadas pola negativa da Sareb a rehabilitar as súas vivendas na rúa Privada Moderna, un espazo do que dixo “representa simbolicamente o que significa a especulación”, co agravante de que a situación que padecen as e os residentes non son froito dun fondo voitre, senón dunha institución da que o Estado é maioritaria e que está actuando “dunha forma absolutamente intolerable”.

A líder nacionalista sinalou o caso de Privada Moderna como un “exemplo dramático” do grave problema de acceso á vivenda e de como as políticas que se levan feito durante décadas no conxunto do Estado e en Galiza están provocando que “a especulación se poña por riba do dereito á vivenda”.

Algo que, afondou, exclúe a miles de persoas dun dereito fundamental porque unha vivenda “é moito máis que catro paredes”, é o espazo onde a xente constrúe a súa vida, cría aos seus fillos, garda os seus recordos e envellece.

Unha crise habitacional á que, advertiu, non se chega por casualidade, senón a consecuencia das políticas que favoreceron a especulación por riba do dereito á vivenda e das que hai “un exemplo de manual” en Galiza, con 17 anos dun Goberno do PP que “dinamitou a política social de vivenda e paralizou a construción da vivenda pública”. 

Neste sentido, criticou ao agora candidato do PP á Presidencia do Goberno central que queira presentarse agora como o gran salvador das políticas de vivenda. “O mesmo Feijóo que paralizou a construción da vivenda pública, que favoreceu a especulación e tomou medidas que claramente sacaron do mercado a moitas vivendas en alugueiro, favorecendo as vivendas de uso turístico”, recordou.

A portavoz do BNG ironizou sobre cales son as receitas que realmente propón agora o expresidente da Xunta porque “leva un programa que di que vai construír un millón de vivendas públicas e ao día seguinte di que non leva iso no programa”.

“É un exemplo de alguén que non ten consistencia, porque evidentemente a credibilidade de Feijóo á hora de facer esas afirmacións é cero cando en Galiza o que fixo foi paralizar a construción de vivenda pública e situala en mínimos históricos”, sintetizou.

Neste contexto, indicou que en Galiza “defender políticas de vivenda valentes é apoiar ao BNG”, polo que chamou a “concentrar todo o voto” da xente que quere que a vivenda sexa un dereito, que se tomen medidas para frear a especulación e que queren que a Sareb deixe de funcionar como unha especie de fondo voitre e os pisos que ten no País se poñan a disposición da xente.

E nese compromiso inquebrantable coa defensa do dereito á vivenda, Pontón puxo enriba da mesa algunhas das medidas que o BNG propón no seu programa e que tamén trasladou nun encontro posterior con asociacións e colectivos de Vigo afectados pola crise habitacional.

Medidas valentes

Medidas como, afondou, o establecemento dun tope nos prezos dos alugueiros, e tamén das hipotecas, para evita que “a especulación faga que miles de persoas vivan co corazón nun puño porque non saben se van a poder seguir nas súas vivendas”. En segundo lugar, o Bloque aposta por darlle máis estabilidade ás persoas que viven de alugueiro con fórmulas que xa se utilizan noutros países europeos, como a renovación automática dos contratos ou avanzar nos contratos indefinidos.

Por último, urxiu a reorientar recursos cara ás políticas de vivenda, tendo en conta que no último ano o Estado español situou o gasto militar no seu máximo histórico con 35.000 millóns de euros, mentres que para o plan de vivenda só se prevén 890 millóns; é dicir, “dedican 25 veces máis á política militar que á política de vivenda”.

Dado que o problema “é de prioridades”, non de falta de recursos, o BNG defende que se destine a vivenda, como mínimo, o 3% dos orzamentos estatais e se articule un plan específico para Galiza para incrementar o parque público de vivenda en alugueiro social que permita mobilizar 4.000 vivendas, parque público no que tamén se inclúan os pisos que a Sareb ten no País e que neste momento, denunciou, “está intentado utilizar para especular, na vez de poñelas ao servizo da cidadanía”.

No caso concreto da Privada Moderna, urxiu á Sareb á que deixe de comportarse como un fondo voitre. “Hai que rehabilitar este espazo, hai que garantir que a xente poda seguir vivindo aquí e hai que deixar de facer esa política que é xusto a contraria da que se necesita neste momento”, reclamou.

Pontón incidiu en que este é o momento de defender a vivenda pública en Galiza: “E a garantía de que se tomen medidas valentes, que se apliquen políticas pensadas desde a nosa realidade, que se avance realmente en facer da vivenda un dereito fronte á especulación, é o BNG”, concluíu.

Pola súa parte, Carme da Silva acusou directamente á Sareb de practicar mobbing inmobiliario polas presións exercidas sobre as persoas residentes no edificio da rúa Privada Moderna e denunciou que  a entidade, que reúne activos pagados con recursos públicos do rescate bancario, está a actuar como un fondo especulativo tratando de liberar o inmoble a costa de vulnerar a dignidade das familias que viven nel.

Unha actuación que, advertiu, atenta contra a súa saúde física e mental, non só polo intento de arrebatarlles o teito, senón tamén polo dereito a seguir vivindo no lugar no que construíron a súa vida, os seus vínculos, redes de apoio, coidados e identidade veciñal. “Non só se trata de que unha entidade con fondos públicos estea especulando, é que ademais está a caer na violencia estrutural e na coacción encuberta. Está a utilizar recursos públicos para litigar contra estas familias”, denunciou.

Fronte a esta situación, Da Silva reivindicou o modelo do BNG, que sitúa as persoas e as súas necesidades no centro das políticas públicas e defende solucións para un dos problemas que máis están a afogar as maiorías sociais como é a vivenda. “Ter unha casa na que vivir e un fogar no que facer vida é un dereito, non un privilexio de ricos”, subliñou, reclamando que as administracións (Xunta e Estado) deixen de tratar a vivenda como un negocio e asuman a súa responsabilidade para garantir o acceso a un fogar digno.

Neste sentido, reiterou as propostas que o Bloque defenderá nas Cortes para ampliar o parque público de vivenda, comezando pola transferencia gratuíta de todos os solos e inmobles da Sareb en Galiza ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para incorporalos directamente a un gran parque público de alugueiro social.

A esta medida sumou a compra masiva de vivenda baleira e o blindaxe legal de toda a vivenda pública como alugueiro social a prezos accesibles e incidiu na proposta do BNG de destinar o 3% dos Orzamentos Xerais do Estado ao Plan estatal de vivenda para crear un parque público de alugueiro permanente.