“A AP-9 xa é galega: remata e finaliza en Galiza. Mais temos que tomar aquí as decisións sobre ela e que sexa gratuíta”. Así o indicou hoxe a cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, quen insistiu en que a vindeira lexislatura ten que ser a da autoestrada AP-9 galega e libre de peaxes: subliñou que o Bloque xa conseguiu bonificacións, logrou que se aprobara a transferencia e que o próximo obxectivo é a gratuidade total, motivo polo que reclamou máis forza política en Madrid tras o 29N.

Carme da Silva denunciou que é a autoestrada máis cara do Estado e que supón un lastre para as familias, traballadores e traballadoras, persoas autónomas, pequenas empresas e transportistas. Lembrou que a concesión debía rematar o 18 de agosto de 2023, mais as decisións dos gobernos do Estado perpetuaron o pagamento, especialmente a prórroga aprobada polo Partido Popular de José María Aznar até 2048.

A candidata reivindicou as bonificacións conseguidas polo BNG nesta lexislatura para as persoas usuarias recorrentes, de até o 75% en xeral, e que no tramo Vigo-Tui alcanzan o 87,5%. “Conseguimos rebaixas importantes para aliviar o custo que soportan as persoas que utilizan estas vías todos os días, pero son medidas insuficientes. Non podemos resignarnos a seguir pagando por unha infraestrutura que debería estar liberada e que xa pagamos moitas veces”, incidiu.

Da Silva subliñou que grazas ao Bloque aprobouse a transferencia e, neste sentido, reclamou que o Partido Popular deixe de poñer trabas e de bloquear o proceso con vetos na Xunta. A nacionalista rexeitou os argumentos do PP sobre unha suposta hipoteca para Galiza derivada da transferencia e apuntou que o que realmente preocupa aos ‘populares’ é que a prórroga que aprobaron cando gobernaban no Estado se confirme ilegal e haxa que pagar multas da UE. Nese sentido reafirmou que non existe hipoteca algunha para a Xunta, xa que os termos do traspaso están moi claros: na lei orgánica está recollido que todos os custos que deriven da decisións sobre a prórroga teñen que ser asumidos polo Goberno central.

A nacionalista reclamou a fin da estafa da AP-9 en Tui, acompañada da candidata da Alcaldía Carmen Núñez, e das alcaldesas de Tomiño e O Rosal, Sandra González e Ánxela Fernández, xunto a máis cargos institucionais e orgánicos da zona. Porén, subliñou que a reivindicación da liberalización e a gratuidade ten unha dimensión de país, pois a AP-9, dixo, é unha infraestrutura fundamental para a cohesión territorial e socioeconómica de toda Galiza.

Destacou que artella todo o eixo atlántico, onde se concentra arredor do 60% da poboación galega, e conecta os principais núcleos de poboación e actividade económica. A súa repercusión, subliñou, “esténdese a toda a provincia, desde o Baixo Miño até Vigo, Pontevedra, o Salnés, o Morrazo, pero tamén e ao Condado-Paradanta e ao Deza- Tabeirós”. Con respecto a esta última comarca, salientou que o BNG acadou rebaixas para a AP-53, que até entón era a única autoestrada do Estado que non contaba con ningún tipo de bonificación.

“Ao falar da AP-9 non estamos a falar dunha reivindicación local nin dunha comarca. Estamos a falar dunha infraestrutura estratéxica para todo o país, que condiciona a mobilidade, a competitividade das empresas e a vida diaria de milleiros de persoas. Non pode seguir sendo un negocio privado a costa das galegas e dos galegos nin pode seguir a decidirse desde Madrid”, afirmou.

Carme da Silva apelou finalmente á mobilización electoral do 29N para reforzar a representación do BNG nas Cortes e avanzar cara á gratuidade definitiva. “O BNG é a única forza coherente fronte ao ‘peloteo’ e á negativa de avances das forzas con sede en Madrid cando gobernaron. Para acabar coa estafa das peaxes necesitamos máis peso político en Madrid, necesitamos capacidade para petar na mesa e defender Galiza. O 29 de novembro hai que votar por Galiza, hai que votar por unha AP-9 libre de peaxe, hai que votar Bloque Nacionalista Galego”, concluíu.