Ás 12:00 horas de este domingo, a Plataforma Gondomar Fibra Xa! congregou no Parque da Coelleira de Gondomar, a medio centenar de persoas do concello para expoñer a situación de carencia grave dos servizos de internet, dos plans de despregamento da fibra óptica e as accións que están a propoñer para esixir ás empresas e entidades públicas que cumpran cos compromisos adquiridos e financiados con fondos públicos.

Moitos veciños quixeron expoñer a problemática dende a súa óptica persoal, no que ten que ver cos seus comercios ou centros laborais, ou os problemas que teñen para compatibilizar o traballo desde as casas co estudo de fillos. Tamén se comentou a evidente necesidade de esixir unha maior implicación por parte dos responsables públicos, especialmente á corporación municipal, pero tamén á Deputación, á Xunta ou ó Goberno central; «e especialmente ante eventualidade de que nos atopemos nunha nova situación de confinamento, algo que sabemos que pode chegar», explican dende a plataforma.

«Despois de máis dunha hora de conversa veciñal iniciamos un pequeño traxecto despregando unha grande pancarta diante da Casa do Concello e continuamos ata a tenda de Movistar para amosar a nosa reclamación pública», afirman.

Dende a Plataforma van a iniciar unha colleita de sinaturas máis expansiva por todas as parroquias do concello e preparar «unha demanda colectiva a Consumo coordinada a través da Plataforma, así como ó Valedor do Pobo e outras autoridades competentes«, aseguran. Tamén haberá un modelo de demanda individual a Consumo. «É insultante e indignante que unha familia pague cerca dos 100€ por velocidades de 0,5mbps ou menos. Tamén continuamos o traballo de visibilización polas rúas e nas redes sociais. Non imos parar ata que as empresas que viven dos nosos impostos dean un internet de calidade ata o último recuncho de Gondomar!!», rematan.