A Asociación Cultural Centáurea organiza o sábado 1 de Novembro, ás 19:00 horas na praza das Escolas Vellas de Gondomar (fronte a Casa da Cultura), a escenificación da peza de Castelao “Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete”.

O texto de Castelao que amósa a sociedade da época ollada por un esqueleto, que se en vida non era quen de ver a realidade, na morte, a través do ollo de vidro, é capaz de analizar o contexto social que reproduce aquel mundo de vivos do que provén. Unha metáfora que reflicte, desde unha visión crítica máis tamén retranqueira, da visión da morte tal como se entende en Galiza, nestas datas de celebración do Samaín.

Con este acto, a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, da que Centáurea fai parte, pretenden poñer en valor o significado que na cultura galega, e ao longo da historia ten esta celebración de Defuntos, a forma específica de entender a morte en Galiza, onde culturalmente o alén, a morte, non se concibe coma un acto onde conclúe a vida… porque a morte é igual que a vida.

A Asociación Cultural Centáurea convida a veciñas e veciños de Gondomar e arredores a participaren deste acto de despedida do Samaín deste ano.