Tras recibir numerosas queixas veciñais e ser referendado na última asemblea celebrada o pasado domingo 3 de decembro, a asociación veciñal de Priegue tomou a decisión de sumarse ás queixas manifestadas publicamente pola Asociación Veciñal Monteferro de Panxón e a Asociación 1807 de Chandebrito, en contra da subida do Imposto de Bens Inmobles (IBI), que experimenta un incremento do 20%.
“É unha subida demasiado elevada para o momento que estamos a vivir. Non podemos asumir os aumentos das hipotecas, o encarecemento da cesta da compra, e agora tamén o IBI. Vai afectar a nosa economía familiar, a nosa vida diaria, e os nosos maiores serán quen máis o sufran. Os veciños e veciñas de Nigrán poderían asumir un aumento progresivo do imposto ao longo de varios anos, pero esta cantidade de golpe é unha barbaridade”, manifesta José Manuel Chamorro, presidente da A VV. A Irmandade.
Doutra banda, a entidade veciñal crítica a subida no gasto público destinado «a retribucións e indemnizacións do equipo de goberno dun 31%, así como outros gastos superfluos, que previsiblemente son os causantes desta subida do imposto co fin de facer cadrar o orzamento do próximo ano».
Solicitan ao Concello de Nigrán que reconsidere este aumento de carga tributaria que vai sufrir a cidadanía, xa que aínda non se aprobou definitivamente. Así mesmo, non descartan recorrer á vía administrativa, ou tomar outras accións para defender os intereses dos veciños e veciñas da parroquia.
«Outro dos asuntos que máis controversia está a crear na veciñanza da parroquia e que tamén foi tratado no punto de rogos e preguntas da devandita asemblea veciñal, foi a negativa do Goberno Local de abrir un novo período de exposición pública do PXOM, no que a veciñanza afectada polos cambios incorporados no documento poida facer alegacións. Polo que a directiva da Irmandade manifestou que, de ser necesario, a asociación achegaría asesoría xurídica e urbanística para os veciños e veciñas da parroquia, como xa se fixo no 2013 ante a aprobación inicial do documento», rematan.