ANPA das Escolas Rurais do Rosal

O pasado luns 4 de novembro, a ANPA das Escolas Rurais de O Rosal consegue iniciar o servizo de comedor, así como o servizo de Aula Madruga que xa está dispoñible dende principio de curso.

Dende a ANPA, recalcan que foi sempre un obxectivo principal da asociación, xa que consideran que no rural este servizo facilita a incorporación da muller ó mercado laboral e polo tanto a conciliación da familia.

«A conciliación familiar, dadas as circunstancias actuais, fai que hoxe o comedor sexa unha necesidade fundamental para garantir a educación dos nenos e nenas en todas a franxas de idade. Esta necesidade é global, polo que se traslada tamén aos Centros Rurais, como é o caso», sinalan dende a ANPA.

Despois de moitos meses de traballo lograron, non sen dificultades, habilitar un centro no Concello do Rosal, e xuntar a todos os nenos e nenas dos 6 centros escolares espallados por todo o municipio para ofertar estes servizos que consideran indispensables, para o que contan coa colaboración do seu profesorado.

«Sen ningún tipo de axudas por parte da Xunta de Galicia, que é o organismo que ten a competencia en Educación e en transporte, dende a ANPA queremos agradecer ó Concello do Rosal o esforzo que vai facer quintuplicando a axuda que viñamos recibindo anualmente para o exercicio 2020, así como a espectacular acollida que tivo o proxecto nas empresas locais, que coas súas aportacións económicas cobren o custo do transporte, e fan este servizo viable para este curso escolar», indican.

Non obstante, os tempos cambiaron e a realidade xurídica e práctica debe adaptarse ós mesmos. En consecuencia, a ANPA do CRA María Zambrano, co apoio do Concello do Rosal e da dirección do CRA vai solicitar unha reunión coa Consellería de Educación co obxectivo de garantir a viabilidade do comedor nos vindeiros anos. Precisan a axuda, a implicación e o compromiso formal da Xunta, o organismo competente e con capacidade económica para dar resposta a esta realidade, que se vai repetir nos vindeiros anos. «Trátase da Educación dos nosos cativos».