Este sábado, 11 de maio, ás 19.00 horas, terá lugar na Sala de Exposición da Área Panorámica, a apertura da exposición de María Meijide, artista plástica, creadora do calendario da Eurocidade Tui-Valença.
A peza principal da mostra será o calendario da Eurocidade Tui- Valença encargado polo Concello de Tui hai meses, do que estarán expostas as pezas orixinais a acuarela e o proceso de edición, as pranchas de offset e as probas de cor. Destacou a artista que as obras deste calendario foron todas feitas ao natural “a través da memoria emotiva, das emocións que transmiten”.
A exposición contará con outras pezas, todas elas vinculadas a procesos de repetición e edición como é o caso do mapa emocional de Compostela e as pranchas deste. Haberá tamén serigrafías, pintura de espazos íntimos e metapintura con carácter hedonista. A mostra poderá visitarse dende este sábado, 11 de maio, até finais de mes.