A Asemblea do BNG municipal de Tomiño decidiu por unanimidade este venres elixir a Sandra González como candidata á alcaldía tomiñesa para os comicios electorais do vindeiro 28 de maio.
Sandra González é licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela con varios másters e estadías no estranxeiro. Ademais, realizou un máster Executive MBA na Escola de Negocios de Afundación que a levou a visitar a Universidade de Georgetown, en Estados Unidos, onde perfeccionou os seus coñecementos en relacións internacionais.
Sandra González leva 15 anos gobernando Tomiño e liderou o cambio e a transformación do concello non só no ámbito urbanístico e do espazo público, senón tamén pola súa aposta por políticas sociais centradas nas persoas cun formato de goberno amable. Unha nova forma de xestión que levou a Tomiño a converterse nun referente a nivel galego.
“Para min é unha honra e estou moi agradecida da confianza depositada. Estamos cheos de ilusión de seguir mellorando Tomiño con alma e corazón”, indicou Sandra González.