MELYTOUR

A Asemblea Veciñal por un transporte público colectivo digno para Gondomar, ven de solicitar unha entrevista coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, da que tamén dependen as competencias de Transportes e Mobilidade, para trasladarlle de primeira man as demandas veciñais referidas ao deficiente servizo de transporte público colectivo que padecen en Gondomar. 

Un dos temas principais a tratar nesa entrevista será a esixencia da inclusión de Gondomar no Convenio de transporte metropolitano da área de Vigo. Nese sentido, hai un mes que se iniciou na localidade unha recollida de sinaturas, moi ben acollida pola veciñanza, na que se insta á Xunta de Galicia a convocar, á maior brevidade posible, unha reunión da Comisión de Seguimento do “Convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galiza na área de trasporte metropolitano de Vigo”, e que se inclúa na súa orde do día a incorporación do Concello de Gondomar no citado convenio, para que se faga efectiva e implante a tarxeta metropolitana. Para poder beneficiarse dos descontos no importe dos billetes, co conseguinte aforro nos gastos de desprazamento.

A este respecto, as veciñas e os veciños de Gondomar non entenden como, sabendo como saben tanto o Concello como a Xunta das súas demandas, “non foi incluida a proposta de inclusión do noso concello no devandito convenio na orde do día da Comisión de Seguimento celebrada o pasado mércores 2 de maio”.

De cara á entrevista coa Conselleira, a Asemblea Veciñal vai intensificar a recollida de sinaturas poñendo mesas a tal efecto en distintos puntos da vila e das parroquias para o que solicitan a colaboración de toda a veciñanza, xa que entenden que a presión social á a única vía para chegar a ter un servizo de transporte digno no concello.