A Asociación Chandebrito 1807 critica o descontrol que houbo no acto de apertura dos sobres das ofertas económicas para o novo servizo da recollida do lixo do Concello de Nigrán, celebrado o pasado día 12, anunciado como un acto “non público” a celebrar no departamento de contratación, «cando segundo o prego de prescricións administrativas tiña que ser en acto público e o lugar a realizar o salón de plenos, como habitualmente se fan este tipo de actos».

Ante as queixas públicas da Agrupación anteriores á data de celebración do acto, «non entendemos porqué o alcalde non explicou as razóns dos cambios, se realmente se trataba dun erro na comunicación do tipo de acto a celebrar, pero co seu silencio demostrou unha falta de transparencia ignorando os dereitos da cidadanía. O que non se esperaban era que un grupo de persoas esixindo o cumprimento das cláusulas do prego do contrato pedise entrar como observadores ao departamento onde se pensaba reunir a mesa de contratación», sinalan desde a Asociación.

Para maior «descontrol, a enxeñeira municipal, que era presidenta da mesa de contratación, non apareceu e ante a posible nulidade do proceso de levarse adiante a apertura dos sobres sen estar completa a composición da mesa, houbo que pedirlle ao alcalde que fixese de forma urxente un decreto incorporando un membro máis á mesa e designando unha nova presidenta», afirman.

Comentan tamén que «a falta de previsión da tecnoloxía necesaria no salón de plenos, lugar no que se debería realizar a apertura das ofertas, supuxo celebrar a reunión nun espazo con pouca capacidade para acoller a moitas persoas se decidise asistir un número significativo e ademais tampouco se facilitou publicamente á cidadanía nin ás empresas participantes os medios para o seguimento telemático do proceso dun contrato de cerca de trinta millóns de euros».

Todos estes feitos «evidencian a falta de control orixinada pola mala xestión do alcalde e o seu equipo de goberno. Por esta e outras cuestións, consideramos que nin o goberno municipal nin a oposición, ausente neste proceso, están capacitados para a xestión dos asuntos importantes do municipio, o que pode provocar unha nefasta administración do diñeiro público dos veciños de Nigrán«, rematan.