A Asociación Veciñal e Cultural Chandebrito 1807 quere denunciar publicamente que no Perfil do contratante dos Contratos públicos de Galicia figura a convocatoria dunha reunión da mesa de contratación para o novo Servizo de recollida de residuos urbanos, limpeza viaria e de praias de Nigrán, para o próximo xoves día 12 ás 12:30 horas, como un acto «non público» no departamento de contratación, para a apertura dos sobres C correspondentes ás ofertas económicas presentadas polos licitadores, «cando o estipulado no prego das cláusulas administrativas da contratación na páxina 45 se estipula que o acto será público, ademais se debería celebrar no salón de plenos como é habitual nestes casos e non no departamento de contratación».
«Esta última actuación é unha chafallada máis que xa non sorprende a esta Agrupación que pide que se rectifique, e quere recordar que esta contratación está moi cuestionada porque inicialmente o goberno municipal, a través do concelleiro delegado, pretendía impoñer o informe dunha consultora externa, Intoconsulting, pagada con fondos municipais, que puntuaba a Unión Temporal de Empresas COPASA-GESECO-ORESA como a oferta máis valorada«, sinalan.
Despois unha vez que a mesa de contratación esixiu a eliminación desta UTE por incumprimento dos pregos, «o alcalde manobra modificándose a composición da mesa de contratación, excluíndo como membro da mesma ao secretario do Concello e incorporando como presidenta á enxeñeira municipal e encargándoselle a esta que informe, non só se sería correcta a exclusión da UTE por incumprimento dos pregos, senón sospeitosamente tamén para volver facer novas puntuacións das restantes empresas licitadoras, e que resultaron completamente diferentes ás puntuacións da consultora externa, que pese a supoñer un custo para o concello non serviron para nada», explican desde a Asociación.
Ante estes feitos, -din desde Chandebrito 1807- «as sospeitas de amaño e favoritismo non estrañan nunha tramitación caracterizada por escurantista, falta de transparencia e sen participación da oposición nin de colectivos sociais».
Esta Asociación considera que se debe aproveitar esta convocatoria da mesa de contratación para o xoves día 12 para paralizar e anular o proceso de licitación antes de abrir os sobres das ofertas económicas, e pensa que así o ten que considerar o goberno municipal, e senón deben esixilo os grupos da oposición.
«Unha vez anulado o proceso teríase que valorar a remunicipalización total ou parcial do servizo, excluíndo a limpeza de praias, e no suposto de non ser viable ou aconsellable, iniciar unha nova licitación con outro prego de contratación novo menos complexo e custoso. Se os actuais membros da corporación porfían en continuar adiante coa contratación prevista, pagaremos no futuro as consecuencias toda a veciñanza cun recibo excesivamente caro e un servizo de difícil fiscalización«, rematan.
