A exposición “O territorio do Baixo Miño e o sector agrario: motor de desenvolvemento sostible”, organizada pola Asociación Cultivos do Baixo Miño (acuBam), en colaboración co Concello, estará aberta ao público entre o 11 e o 25 de outubro no primeiro andar do Mercado Municipal.
A mostra está composta de corenta imaxes actuais do sector agrícola e viveirista, na que se reflicten diversas producións e hectáreas de cultivo, así como elementos xeográficos característicos da comarca.
Dende a directiva de acuBam, explican que o obxectivo desta exposición é a posta en valor do territorio e do sector agro da Comarca. “A nosa idea é destacar o sector agrario da Comarca do Baixo Miño, composto por empresas produtoras de planta ornamental, flor, froita e horta, así coma a posta en valor do territorio do Baixo Miño, que lle aporta aos produtos do territorio un distintivo de calidade e singularidade. Nesta exposición poderase ver un sector moderno, verde, tecnolóxico e que ofrece posibilidades de desenvolvemento profesional para as persoas do territorio. Un sector que é motor de desenvolvemento non só económico, senón medioambiental e profesional”.
As imaxes son propiedade da asociación, quen investiu nesta acción de promoción e posta en valor do sector e do territorio, coa axuda das subvencións que cada ano publica o Igape para a execución de accións de promoción e internacionalización a través de organismos intermedios, coma neste caso, a Asociación Cultivos Baixo Miño – acuBam.
Trátase por tanto dunha exposición en colaboración co Concello de Tomiño, institución que ven apoiando ao sector ao longo dos últimos anos de maneira continuada, recoñecendo o motor de desenvolvemento sostible que conforma o mesmo no territorio.
A inauguración está prevista para o mércores 16:00 ás 21:00 horas.