Pily Reñones

A Asociación do “Lanzo da Cruz” organiza a proxección da gravación da romería levada a cabo polo fotógrafo tomiñés Jesús Pazo Alonso no ano 1992. Será no torreiro de festas de Sobrada este venres, 9 de agosto a partir das 21:30 horas, dentro da programación cultura e gastronómica da Comisión do Cristo.

A gravación ten unha duración dunha hora e recolle a celebración da romería nos seus diferentes escenarios: a saída dende o Cruce dos Escampados, desfile de chimpíns, chegada ao río no seu antigo enclavamento (Porto Ladrón), cruce a Cristelo Côvo, a celebración da festas na Nosa Senhora da Cabeça, rematando no regreso ao punto de partida.

Un material audivisual que contén un valor histórico e emocional importante para a parroquia que nos lembra a transcendencia na romería para Sobrada e a súa singularidade antropolóxica.

Ademáis, nesta cita co pasado, proxectaranse unha selección da reportaxe gráfica que a fotógrafa Pily Reñones levou a cabo no Lanzo da Cruz deste ano 2019. Unha valiosa aportación para disfrute de todos e todas e que pon en valor a singularidade desta antiga romería que goza de boa saúde grazas ao esforzo dos seus veciños e veciñas.

Pily Reñones retrata a romería e as súas xentes empregando a sobriedade do blanco e negro para emocionarnos e achegarnos a un mundo onírico no que o Lanzo se erixe con heroísmo. O río, as redes, o encontro, a ledicia, a emoción da festa… son o miolo dun centenar de fotografías no que os protagonistas son veciños e veciñas que o Luns de Pascoa seguen celebrando a vella tradición dos “lances de cruz” e fan desta data un día importante no calendario.

Pily Reñones (Santa María de Tebra, 1975):

  • Colaboradora habitual do cineasta Rubén Riós. En xaneiro deste ano fíxose co Premio Goya de fotografía na sección de documentais otorgando pola Asociación de fotógrafos profesionais de Zaragoza.

Jesús Pazo Alonso, Sobrada, 1970:

  • Responsable das tendas de fotografía Jesús fotógrafo en Tomiño e Tui. Foi Premio Wedding Awards 2017 na categoría de fotografía e vídeo.

Semana Cultural e Gastronómica:

A proxección da gravación da romería do ano 1992 e as fotografías de Pily Reñones da Lanzo da cruz 2019, forman parte da programación da Semana Cultura e Gastronómica que se iniciou o pasado venres 2 de agosto coa festa da cervexa e a panceta e continuará toda a semana. Unha programación organizada pola Comisión do Cristo coa que colabora a Asociación do Lanzo da Cruz organizando a xornada do último día, venres 9 de agosto.

Máis do Lanzo da Cruz:

O Lanzo da Cruz é unha romería que se organiza o luns de Pascoa na parroquia de Sobrada. Unha celebración que recupera a antiga tradición dos “lances de cruz” e que comparte coa poboación portuguesa de Cristelo Côvo (Valença do Minho).

Todos os luns de Pascoa os veciños de Sobrada e os veciños de Cristelo Côvo baixan ao río para cruzar a outra marxe e escenifican o encontro entre os dous pobos no medio do río. O párroco portugués acompañado dos veciños de Cristelo Côvo cruzan a marxe galega a dar a bicar a cruz pascual e os veciños de Sobrada fan o mesmo na marxe portuguesa. Ao regreso reproducen o antigo ritual dos lances de cruz. Os lances son un ritual no que o párroco bendice aos barqueiros e as súas redes para que teñan boa pesca e o Miño “non cobre o seu foro” (o foro entendido como a morte). A cambio, os barqueiros ofrécenlle ao párroco a primeira lamprea do lance.

Os lances de cruz é unha práctica que se viña realizando dende hai varios séculos ao longo do último treito do río Miño e que na actualidade só se celebra na parroquia de Sobrada e na freguesía de Cristelo Côvo. Ambas marxes, comparten tradición e celebran os vellos rituais como antano, no luns de Pascoa. Unha cita que festexa o ancestral mundo dos pescadores no que o relixioso e o pagano van collidos da man.

É o Lanzo da Cruz unha cita transfronteiriza na que a simbiose dos elementos históricos coa modernidade, fan desta romería un acto singular e que representa a excepcionalidade da fronteira baixomiñota. Unha cita única que reúne todos os anos a veciñanza de ambas marxe e a turistas que non queren perderse unha data senlleira.

Pily Reñones