Como cada ano, o día 2 de abril celébrase en todo o mundo o Día de Concienciación do Autismo. Unha vez máis, a Asociación “Un Máis” organiza unha semana de actos que, baixo o lema: “Rompamos xuntos barreiras polo autismo”, dan visibilidade á diversidade e contribúen ao achegamento e coñecemento do trastorno do espectro autista.

Co fin de sumarse á celebración do Día Mundial do Autismo, a Asociación “Un Máis” propón unha serie de actos destinados a achegar a realidade das persoas dentro do Trastorno do Espectro Autista, a través do coñecemento e o intercambio de experiencias.

Grazas ao apoio dos Concellos de Tui e Tomiño, o día 2 programáronse actos simbólicos e reivindicativos como a iluminación en azul de edificios municipais pertencentes a ambos Concellos, así como a lectura dun manifesto e a solta de globos.

Ao longo da semana, as persoas que o desexen poderán gozar da proxección de películas e documentais relacionados co autismo que se celebrarán en diferentes días, tanto no Colexio nº 1 de Tui como no Mercado de Tomiño, estando tamén prevista a realización de diversos talleres para os máis pequenos.

Finalmente e como remate a unha semana chea de actividades, “Un Máis” propon sumarse á gran festa que se celebrará o día 8 de abril, a partir das 17:00 horas, no Colexio nº1, na cal se contará con diversas actividades, inchables e xogos.