A Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar (AVTG) vén de presentar reclamacións diante da Xunta e de Lugove polas deficiencias detectadas no servizo de transporte que afectan ás persoas usuarias de deste concello.
Persoas usuarias trasladaron queixas a respecto da denominada como liña 3 Gondomar Vigo. Concretamente coa viaxe que, con saída ás 6:15h do Baixo Miño e paso pola estación de autobuses de Gondomar arredor das 7:15h, leva a Vigo polo interior (Vincios-Valadares).
Esta é unha frecuencia moi demandada por alumnado e por persoas traballadoras que se desprazan a centros de ensino ou de traballo da cidade. Esa elevada demanda provoca en numerosas ocasións que cando chega ás paradas de Vincios, unha das parroquias máis poboadas do concello de Gondomar, non haxa prazas suficientes e moitas persoas queden ‘en terra’.
Ante esta situación «moitas usuarias vense na obriga de se desprazar por outros medios até paradas do bus urbano de Vigo ou directamente aos seus destinos, para evitar chegar tarde ao traballo ou a clase ou para poder chegar a tempo a citas médicas ou de outro tipo». Desde a AVTG solicitan tanto á empresa concesionaria como ao Servizo de Mobilidade da Xunta de Galicia que reforcen esa liña nese horario, e calquera outros en que sexa necesario, para asegurar que todas as persoas teñan praza garantida.
Non é este o único problema co transporte público. Outra das razóns que fai que o transporte público non conte con máis usuarias é a falla de fiabilidade; “as queixas máis comúns teñen a ver cos desfases nos horarios e coa conseguinte incerteza á hora de agardar nunha parada”, apuntan desde a AVTG. Nese sentido, volverán solicitar que adecúen os horarios ao tempo real de cada itinerario tendo en conta variables como as complicacións do tráfico na cidade ou as franxas de maior demanda.
Na AVTG detectan outro problema que pode parecer pequeno pero que non é: o formato dos horarios. Moita xente se queixa de que non os entende e con razón, porque “serán moi creativos e vistosos nas cores, pero non son nada intuitivos”, critican. Desde a Asemblea Veciñal solicitan tamén que se elaboren outros modelos máis simples e fáciles de entender por calquera “sen necesidade de intérprete”.
En definitiva, a AVTG insta á empresa Lugove e á Xunta a introducir as melloras necesarias para asegurar o servizo de transporte público colectivo de calidade, como elemento imprescindible para a mobilidade das persoas, como medio de transporte máis seguro, economicamente máis accesible e, sobre todo, ambientalmente máis sostible ao se reducir o uso de vehículos particulares.
