A Banda da Loba

O Concello de Nigrán arranca este sábado 7 de Maio ás 21:00 horas na Alameda da Ramallosa a súa programación especial polo ‘Mes das Letras Galegas’ co concerto estrea da nova xira de ‘A Banda da Loba’.

Este grupo feminino que revolucionou no 2017 o panorama musical galego elixe Nigrán para dar a coñecer “Xabón Lagarta”, o seu cuarto disco inspirado neste caso no universo vital das lavandeiras e neses espazos de liberdade, confidencias e insubmisión que eran os lavadoiros. Integrado por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias, destacan polo seu repertorio propio e por musicalizacións de poetas célebres. Todo isto baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, pop, folk… A banda de Xiana Lastra (voz), Estela Rodríguez (violín), Andrea Porto (guitarra e baixo), Inés Mirás (guitarra e teclado) e Marcela Porto (percusión) resultou gañadora de diferentes certames e é unha habitual na programación cultural do Concello de Nigrán.

A programación especial polo Mes das Letras Galegas continúa o 8 de maio cunha excursión gratuíta para realizar sendeirismo nas aldeas do Xisto (Portugal) cuxa inscrición está aberta ata este xoves a través dun formulario na páxina web Concello de Nigrán. Este mesmo día o Concello colabora co Centro Cultural Bolos da Carrasca nos actos polo Día da Nai e das Letras Galegas con música tradicional en directo (Folk Remol O Torreiro e Ecos e Agarimos de Peitieiros) desde as 19:00 horas.

Xa o 14 de Maio o Concello organiza coa Asociación Galega de Lupus a súa primeira foliada solidaria en Chandebrito, que comezará pola mañá con plantación de árbores e sesión vermú co grupo de gaitas da parroquia e, xa a partir das 17:00 horas, coa actuación de diversos grupos tradicionais de toda a provincia. Ao día seguinte, 15 de maio, o Concello estrea o ciclo ‘Redeiras, elas tecen’ co concerto de Law&GazzFunkdation ás 20:00 horas no Auditorio Municipal, este ciclo de música continúa o día 28 con Sabela Cereijo.

No propio día 17 de maio, como é habitual, o Concello participa no Día da Bicicleta no Val Miñor con saída ás 10:00 horas desde o Pavillón de Panxón (inscrición previa mínimo 40 minutos antes). Xa pola tarde, coincidindo coa Festa Gastronómica de Camos no Torreiro de San Roque, o Concello ofrecerá neste espazo actuacións musicais tradicionais e representación dos Maios.

A partir das 20:00 horas a festa trasládase ao Torreiro de Priegue coa lectura de poesía galega e as actuacións de Loureiro Verde e Dúo de Acordeóns Vilas. Precisamente, este día 17 de maio é o prazo límite para enviar propostas ao I Certame Infantil de Relato Curto ‘Carlos Casares’ dirixido aos colexios de Nigrán, sendo o primeiro concurso do Concello ao respecto.

A programación por este mes inclúe por vez primeira un espectáculo de humor, trátase de ‘Mulleres +1 de Bandeiras’ con Cristina Maró, Nerea Garmendia e Rafa Durán como protagonistas, e terá lugar na Praza do Concello desde as 20:00 horas. Como remate, o día 29 terá lugar no Auditorio Municipal o inicio das actuacións encadradas no novo convenio coa Federación Galega de Teatro cunha compañía aínda por confirmar.