Deborah J. Carter

O festival Nigranjazz, organizado polo Concello de Nigrán no esteiro de A Foz (A Ramallosa), pecha este sábado a súa decimoterceira edición coa actuación estelar, ás 22:30 horas, da cantante americana Deborah Carter, quen ofrecerá pola mañá unha master-class dirixida a vogalistas.

Antes desta actuación, ás 21:00 horas, o saxofonista Fernando Sánchez, un dos músicos galegos de jazz máis internacionais, tocará co seu quinteto composto por músicos europeos de primeira fila. Ademais, no escenario da feira gastronómica itinerante Rilla na Rúa, cara a Alameda da Ramallosa, terá lugar ás 19:30 horas a actuación do trío Off Room, un conxunto 100% de Nigrán que se suma ao Nigranjazz versionando clásicos do jazz, soul, funk… A clásica jam-session posterior aos concertos será á medianoite a cargo do vogalista Rubén Fernández e o pianista Sunil López co seu cuarteto.

Deborah Carter & Trio Campazán

Deborah J. Carter (Voz); Mark Zandveld (Contrabajo); Xan Campos (Piano), Chus Pazos (Batería).

Deborah J. Carter cantante e compositora, é creadora dun estilo moi persoal de interpretar o jazz contemporáneo. Foi recentemente descrita pola revista Music Maker como «unha artista absolutamente top- class, unha das vocalistas de jazz máIs excitante na escena europea actual».

Nada en Estados Unidos, crece a camiño entre Hawaii e Xapón. Desde moi cedo se dedica á música formando o seu propio trío co que participa en moitos espectáculos, festivais de jazz, e tamén en programas de radio e televisión en países tales como Alemaña, Inglaterra, España, Holanda, Bélxica, Letonia, Myanmar e Azerbaijan.