Mal ano para os arroaces das Rías Baixas
CEMMA // Femia de arroaz acompañando o corpo do seu cachorro morto.

No pasado mes de decembro, a CEMMA puxo en marcha o proxecto «TurGaSur: seguimento e mellora do coñecemento da Unidade de Xestión Tursiops truncatus Galicia Sur en áreas Rede Natura 2000″, contando co apoio do Ministerio para la Transición Ecológica a través da Fundación Biodiversidad.

Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto LIFE IP INTEMARES “Xestión integrada, innovadora e participativa da Rede Natura 2000 no medio mariño español”, que coordina o MITECO, a través da Fundación Biodiversidad, e que constitúe o maior proxecto de conservación do medio mariño que se está executando nestes momentos en Europa.

O obxectivo xeral de TurGaSur é contribuír á conservación dos arroaces (Tursiops truncatus) a través das áreas mariñas Rede Natura 2000 e da participación social.

Para poder realizar os traballos de monitorización dentro do proxecto, a CEMMA conta con autorizacións administrativas da Dirección Xeral de Patrimonio Natural-Xunta de Galicia, e da Subdirección General para la Protección del Mar-Ministerio para la Transición Ecológica, xa que os arroaces son unha especie protexida.

Liñas de actuación TurGaSur

A principal actuación é a realización de mostraxes para a fotoidentificación dos arroaces nas áreas Rede Natura 2000 da Ría de Vigo, contando coa participación social dun numeroso grupo de más de 110 voluntariad@s.

A fotoidentificación consiste na obtención de fotografías das aletas dorsais dos arroaces para poder recoñecer de xeito individual a cada un dos exemplares, mediante as marcas propias e características que presenta cada individuo. Constitúe un verdadeiro Carné de Identidade para cada un dos exemplares, e permite obter información sobre os seus desprazamentos, relacións sociais e uso do hábitat.

A segunda acción consiste na elaboración do Catálogo dos arroaces rexistrados en Galicia, no cal estará incluída unha serie de información básica sobre cada exemplar: onde, cando e con quen foi rexistrado, e no caso das femias, información sobre a súa reprodución.

Por último, cabe destacar a importancia da participación social no proxecto TurGaSur. Ademais do  voluntariado, calquera persoa particular poderá achegar información sobre avistamentos de arroaces, dende calquera punto da costa galega, contactando coa CEMMA a través do seguintes medios:

  • Teléfono 112 SOS Galicia.
  • Teléfono/whatsapp da CEMMA: 686989008

Nestes casos, deberán aportar información básica sobre o avistamento: lugar, hora, número de exemplares e comportamento. Será moi importante se é posible dispoñer de fotografías destes avistamentos, principalmente das aletas dorsais dos animais.