CIG

A CIG desenvolveu novas mobilizacións este martes contra a represión sindical en Abanca e Nueva Pescanova e para reclamar a readmisión das dúas delegadas despedidas. As protestas tiveron lugar diante da oficina da entidade bancaria en Salvaterra do Miño e ás portas das instalacións da empresa de alimentación no polígono porriñés das Gándaras.

Unha das afectadas é membro do comité de Abanca en Pontevedra e outra integrante do comité do Centro Industrial do Porriño (pertencente a Nueva Pescanova, compañía da que a entidade financeira é a principal accionista).

Durante as concentracións, que tiveron lugar de 11:00 a 12:00 e de 12:30 a 13:30 horas, denunciouse que estes despedimentos son consecuencia da política de persecución e represión que Abanca está a exercer contra a representación da CIG, tanto entre o seu persoal directo como naquelas empresas das que é accionista, “nun intento de acalar e amedrentar a nosa acción sindical”.

Cabe lembrar que no último ano a CIG convocou unha folga nesta entidade para exixir melloras salariais, presentou catro conflitos colectivos na Audiencia Nacional (un deles de tutela por vulneración da liberdade de sindical) e non asinou acordos en materia de xornada que empeoran as condicións laborais.

A resposta de Abanca por defender os dereitos das persoas traballadoras é despedir a compañeira Montse despois dun proceso totalmente inquisitorio e rocambolesco, no que a acusan de facer acoso laboral a unha persoa que está nun posto superior, xustamente durante o período de preparación da folga”, segundo sinalou o secretario da sección sindical, Clodomiro Montero.

Criticou tamén que a empresa vulnerase o dereito á defensa desta compañeira, “que a día de hoxe aínda non sabe cales son os feitos concretos que motivaron o seu despedimento. Para nós é evidente que estamos ante un caso de represión sindical”, valorou.

Para Montero con esta decisión o que intenta Abanca “é calarnos, amedrentarnos e ademais desprestixiarnos, pero non o van conseguir. Ímonos mobilizar para reclamar a readmisión da compañeira e demostrarlle a Abanca que non cesamos na loita polos dereitos laborais”.

O representante da CIG engadiu que a rescisión de contrato xa está recorrida en vía xudicial, logo de rematar sen avinza o acto de conciliación no SMAC. De xeito paralelo á demanda xudicial -na que se pide a nulidade-, a central continuará coas mobilizacións.

Despedida tras 37 anos en Pescanova

No caso do Centro Industrial de Nueva Pescanova no Porriño, á delegada da CIG foille comunicado o despedimento o pasado 6 de agosto -tras 37 anos traballando na empresa-, logo dun proceso de baixa médica e en base a un certificado do servizo de prevención que a declara non apta como consecuencia dunhas limitacións que até o de agora non lle impedían desenvolver o seu labor.

Este informe foi elaborado pola mutua de Pescanova despois de emitir unha valoración previa a mediados de xullo na que a consideraba apta con limitacións, como viña acontecendo dende hai sete anos. Para a CIG esta segundo informe resulta “totalmente fraudulento”.

Esta actuación non é casual”, destacou Anxo Iglesias, da FGAMT-CIG de Vigo, senón que responde a unha situación de represión sindical enmarcada no proceso de negociación do convenio colectivo do Grupo Pescanova (de ámbito estatal) en detrimento dos convenios de centro de traballo. “Entre o primeiro e o segundo informe pasou que a CIG non asinou ese preacordo acadado cos sindicatos estatais, xa que supón unha perda de dereitos para as traballadoras e traballadores. Por iso entendemos que o despedimento de Merchi está vinculado á nosa posición sindical en defensa das condicións laborais e salariais ”, valorou.

Iglesias cualificou o despedimento como “totalmente inxustificábel”, avanzando que xa se presentou demanda para pedir a nulidade e que tamén se convocarán novas mobilizacións.

FONTE: CIG