A CIG-Correos denuncia a situación de “caos, descontrol e risco laboral” que se vive na unidade de reparto do Porriño, un dos centros máis importantes a nivel industrial da comarca, até o punto de que «nos últimos días acumúlanse 10.000 envíos e 2400 notificacións administrativas pendentes de entrega. De xeito que 20.000 habitantes e máis de 300 empresas atópanse sen o servizo axeitado que establece a lei».
“A situación é de descontrol e con unha organización caótica, polo que o nivel de deterioro do servizo cara ao cidadán e a presión ao persoal é insostíbel”, sinalan dende a central sindical. Neste senso, lembran que o Estado vén de renovarlle a S.E. Correos a prestación do Servizo Postal Universal (SPU) mentres a empresa «incumpre de maneira sistemática os parámetros de calidade do servizo público. É un suma e sigue, xa que a situación repítese ao longo do país”. De feito, a CIG denunciou recentemente tempos de espera de 45 minutos en oficinas de Vigo.
En consecuencia, -din- o malestar entre o cadro de persoal vai en aumento polas condicións nas que ten que desenvolver o seu traballo. “E Correos paga multas por incumprir os compromisos do SPU pero din que non hai cartos para contratación”. Por iso cualifican a xestión do servizo como “nefasta: a empresa entrega cantidades millonarias por non cumprir en moitos casos coa lei de procedemento administrativo, ao tempo que mantén o persoal con soldos de miseria”.
Soldos que «contrastan cos 200.000 euros anuais que ingresa o presidente da entidade», “mentres o persoal segue a enfermar e a sufrir accidentes no traballo como consecuencia do estrés e da presión que soporta”. Fronte a isto, a CIG reclama a cobertura de todas as prazas para ofrecer un servizo público de calidade e garantir que o persoal poida traballar en condicións dignas.
Finalmente, advirten que de non mudar esta situación haberá cidadáns e empresas que teñan problemas con prazos legais e pregúntanse por que a Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, fai “oídos xordos ante o deterioro laboral e de servizo nesta empresa pública«.
