YOUTUBE // Centro de salud de A Guarda

Dende a CIG-Saúde explican nun comunicado que coa chegada do período estival «A Guarda e O Rosal, que teñen un aumento exponencial de poboación por mor do turismo, xa conta en algúns dos cupos médicos con máis dunha semana de agarda para unha cita ordinaria no centro de Saúde da Guarda e preto xa de dúas nalgún cupo do Rosal. Esta situación prodúcese pola falta de cobertura de vacacións e baixas«.

«A esta situación«, dicen, «súmaselle a situación do PAC, que xa teñen denunciado as propias traballadoras, que conta cun só equipo asistencial médica-enfermeira para as urxencias que se xeran na Guarda, O Rosal e Oia. O incremento de traballo neste servizo no verán é importante debido ao aumento de poboación e comezase a notar o incremento de traballo derivado tamén destas listas de espera en atención primaria. A situación é grave mais cando é frecuente a ausencia do único equipo sanitario da zona por mais de dúas horas en caso de ter que atender a algún paciente durante o traslado en ambulancia ate o hospital de referencia«.

«O aumento de necesidades derivado do aumento de poboación non se ve reforzado e incluso se contan con moitos menos efectivos. É evidente que dar a mesma calidade asistencial con menos efectivos non é posíbel«, afirman dende a CIG-Saúde,e matizan que «o SERGAS ten que tomar medidas urxentes con respecto as políticas de persoal con convocatorias de OPE que cubran o 100% das xubilacións xeradas nos últimos anos e con incrementos reais dos cadros de persoal para rematar coa precariedade do persoal«.

Dende a CIG-Saúde lembran que esta situación estase a dar con dous conflitos abertos nestes momentos entre o SERGAS e Atención Primaria e cunha Folga nos PACS que xa supera os 6 meses e sen unha vontade de resolución por parte da Administración.

«É necesario escoitar as traballadoras e deixar de facer políticas que dan as costas as necesidades de saúde das nosas doentes e que se dean respostas as demandas das traballadoras que son as que coñecen realmente as necesidades no seu traballo diario», finalizan.