XUNTA DE GALICIA

En pleno confinamento decretado polo estado de alarma debido á pandemia do COVID19, a Xunta de Galicia tramitou as autorizacións para a construción dos parques eólicos no Galiñeiro e Serra da Groba. Asemade, concedeuse autorización ao parque eólico do Merendón o cal afecta ás comunidades de montes de Loureza, O Rosal e Santa María de Oia.

«No que respeta á CMVMC de Santa María de Oia, queremos deixar claro o noso posicionamento de non aceptar o uso do noso monte para a instalación e paso de infraestrutura para o parque eólico do Merendón. Seica os dereitos desta comunidade non existen para a Xunta de Galicia, e facemos esta interpretación porque non contan coa nosa opinión ante feito de que a empresa adxudicataria veunos dicindo que ou aceptamos o proxecto ou hai expropiación. Para que o entenda mellor todo o mundo, faremos un símil; alguén quere facer unha casa, gústalle o terreo do veciño para facela e vai ao concello a sacar a licenza de obra, no concello danlla e logo vai xunta ao seu veciño a mercarlle a finca polo prezo que propón o comprador, e senón lle acepta, exprópialla. Primeiro tería que haber comprado a finca despois sacar a licenza e facer a casa«, explica Xosé A. Rodríguez Álvarez, presidente da CMVMC de Santa María de Oia.

Xosé A. Rodríguez sinala que «é certo que a afección que sufrimos en termos cuantitativos é mínima, máis razón para non dar autorización e aceptar as formas, tanto da administración como da empresa adxudicataria, formas escuras na tramitación das autorizacións cando os propietarios e colectivos sociais non podían (nin poden a día de hoxe) organizar xuntanzas informativas coa cidadanía para explicarlle o impacto destes proxectos cara o medio ambiente e ás economías locais«. Advirte que esta tramitación «ten o claro obxectivo de minimizar a oposición social que puidera haber; tan trapalleira que nin respectaron a obriga que teñen as comunidades propietarias de levar ás asembleas un asunto tan importante como este. Porque unha comunidade como a nosa con 150 comuneiros/as non pode permitirse coa pandemia do covid19 celebrar unha asemblea e que se produza un só contaxio».

«O que nos afecta -di- é a servidume de defensa contra incendios, servidume de voo e servidume de camiño e gabias internas, nin tan sequera nos entra un muíño de 175m de altura, cun total de 2000m cadrados de formigón. A nosa dignidade como comunidade non se avalía polas migallas que van deixando as multinacionais mentres se levan os beneficios a costa da destrución do territorio; estamos a favor das enerxías renovables, pero así non«.

Nos tempos que corren de crise sanitaria (medioambiental) a CMVMC de Santa María de Oia está comprometida na loita contra o cambio climático, «quen nos coñece ben, sabe da nosa política de respecto e protección de cara o medio ambiente, o noso compromiso coa recuperación do patrimonio e a aposta contundente polas enerxías renovables; ¿Porqué non se aposta pola enerxía solar térmica ou en parques fotovoltaicos de menor impacto paisaxístico e ambiental?. ¿Porqué non se incentiva que as comunidades de montes poidan facer os seus parques fotovoltaicos onde poderían subministrarlle electricidade de balde aos seus veciños/as e vender o excedente?. ¿Porqué non se aposta polo autoconsumo e produción nos fogares?», remata Xosé A. Rodríguez.