A concelleira do PP de Tui, Dolores Soto, presentará a súa renuncia á acta municipal no próximo pleno do Concello “por razóns profesionais e de conciliación”. O seu posto no Grupo Popular será ocupado por Adrián Vila.
Dolores Soto admitiu a súa pena ó ter que abandonar a corporación municipal, “xa que me gustaría continuar, é unha auténtica honra representar aos veciños e veciñas de Tui e poder traballar polo futuro da nosa cidade, pero non é posible conciliar as miñas obrigas persoais, familiares, profesionais e políticas, e, dado que ser concelleira de esta cidade esixe dunha implicación do cen por cen, é a miña responsabilidade dar un paso a un lado”.
A edil agradece a Nico Montes a confianza depositada na súa traxectoria e tamén amosa a súa gratitude polo respecto, respaldo e apoio tanto dos seus compañeiros do PP, como dos integrantes da corporación pertencentes ós demais partidos políticos e anunciou que seguirá apoiando ao PP de Tui póndose á disposición do partido para todo o que sexa necesario.
No seu lugar, incorporarase ao Grupo Popular tan pronto tome posesión no seguinte pleno, Adrián Vila, un recoñecido hostaleiro e barista gañador de diferentes premios nacionais e internacionais, un xove dinámico, comprometido coa súa parroquia, e colaborador de diversas entidades e asociacións. Adri Vila, como a el lle gusta que lle chamen, afirma estar “preparado e ilusionado para asumir este reto” e confía en poder aportar novas ideas e traballo constante para mellorar o benestar de todos os veciños de Tui.
Ante estes cambios, o voceiro municipal, Nico Montes, lamenta a marcha de Dolores Soto e quixo destacar a súa dedicación e o “grandísimo traballo” no seo do grupo municipal. Así mesmo tamén amosou a súa ilusión pola incorporación de Adrián Vila, “que ten un perfil completamente distinto” e afirma que “vai supor un sopro de aire fresco e un impulso importante para o noso proxecto”.