A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar 55.000 euros, 2.500 euros máis que o ano pasado, a sete Centros Especiais de Emprego da provincia para este 2024. Estes recursos, que forman parte do programa +Emprega e distribúense en réxime de concorrencia competitiva, permitirán financiar custos de persoal das unidades de apoio á actividade destes centros que traballan desde A Guarda, Nigrán, O Porriño, Pontevedra , Vigo e Vilagarcía de Arousa.
En concreto, son beneficiarias destas axudas entidades como a Fundación para a Discapacidade e Emprego Juan XXIII e a Asociación de Discapacitados Intelectuais Virgen de la O de Pontevedra; LUME Emprego para Persoas con Discapacidade Intelectual do Porriño; o Grupo SIFU Galicia SL de Vigo; BATA Servicios Integrales a la Comunidad Sociedad Limitada de Vilagarcía; San Jerónimo Emiliani SL da Guarda e Juan María Empleo SL de Nigrán. Todas elas recibirán axudas que oscilan entre os 3.500 e os 15.000 euros, en función do número de persoas con discapacidade que teñan contratadas en cada centro.
Con estas axudas de +Emprega en Centros Especias de Emprego a Deputación de Pontevedra pretende contribuír á promoción e acceso das persoas con discapacidade ao emprego ordinario e na adopción de medidas favorecedoras da súa autonomía e inclusión.
Ademais, as subvencións van en liña co impulso de entidades de Economía Social centradas na inclusión de colectivos vulnerables que cobren demandas sociais non satisfeitas polo mercado. De feito, os Centros Especiais de Emprego beneficiarios son elementos básicos integradores das persoas con discapacidade, que cumpren unha finalidade social e aseguran un emprego remunerado.