CARMELA SILVA E ALONSO MONTERO
FOTO DEPUTACIÓN // A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o Presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reuniuse, onte por vez primeira de forma oficial, co Presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, coa finalidade de abordar un convenio de colaboración que permita impulsar un proxecto para a posta en valor da cultura e lingua galega.

Carmela Silva enxalzou a figura de Xesús Alonso Montero, “Presidente da Real Academia Galega e un dos grandes homes da cultura galega, firme defensor da nosa lingua”, ó tempo que destacou a importancia da Academia para Galicia. Así, Silva destacou que se trata “dunha institución da que todas as galegas e galegos nos temos que sentir orgullosas e orgullosos e que todas as políticas e os políticos debemos defender para que se poida manter a súa riqueza”.

A Presidenta da Deputación engadiu que “nesta sociedade, que está en crise económica, política, institucional e social, a cultura ten que ser esa porta e fiestra que podamos abrir, que permita que a nosa sociedade tome impulso cara adiante e que Galicia se converta nunha comunidade moderna, capaz de abrirse ó mundo”. Por iso, tal e como asegurou Silva, “desde as administracións estamos obrigados a colaborar coa Academia para que a nosa cultura sega tendo aquelas 1.000 primaveras máis das que sempre falamos, para que a cultura volva a ocupar na sociedade o lugar prioritario que lle corresponde algo que, ata o de agora, non estaba a suceder”.

Coa finalidade de acadar estas metas, Silva manifestou un compromiso claro de colaboración da Deputación de Pontevedra coa Real Academia Galega, que se materializará nun convenio que permitirá desenvolver un proxecto concreto para promover a cultura e lingua galega.

Pola súa banda, Xesús Alonso Montero subliñou que “é a primeira vez que escoito a quen preside unha Deputación unhas palabras sobre o significado que ten a cultura e a lingua galega en Galicia”. Ademais, e respecto ó convenio que proximamente subscribirán a Deputación e a Real Academia Galega, Montero destacou que “coñezo a Carmela Silva desde hai bastante tempo, cando ela era alumna de Maxisterio, e sei que as palabras que dixo son palabras que subscribe. Estou convencido de que na medida do posible vai a estar á altura das palabras que lle dedicou ó papel que debe xogar a cultura en Galicia”.