Geralt

O ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos, que promoven a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias afonda este xoves sobre as aplicacións da intelixencia artificial para o procesamento da linguaxe natural. A conferencia será impartida en formato webinario, a partir das 19:00 horas, por Silvia García, investigadora posdoutoral da Xunta de Galicia e integrante do Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo. A preinscrición está aínda aberta e pode realizarse a través desta ligazón.

Con “Aplicacións da intelixencia artificial para o procesamento da linguaxe natural. Novas tendencias e desafíos actuais” Silvia García analizará a presenza da intelixencia artificial na vida cotiá, máis aínda coa revolución que supoñen as solucións da linguaxe natural baseadas en modelos masivos de linguaxe coma ChatGPT.

A investigadora explicará como funcionan estes sistemas, as novas tendencias, así como os retos e a necesidade de comprender a toma de decisións da intelixencia artificial, a interpretabilidade e explicabilidade ou a aprendizaxe de reforzo a través da retroalimentación humana, entre outros conceptos en auxe neste paradigma tecnolóxico. Ademais tamén analizará casos reais de uso destes sistemas en ámbitos como a medicina, a industria, a educación ou as redes sociais.

Trala conferencia a cargo de Silvia García, as conferencias dirixidas á cidadanía en xeral continúan  o 30 de maio con Aurora Grandal, profesora titular de Paleontoloxía, con “De fósiles a humanos, unha historia de ida e volta”. O 6 de xuño rematará o bloque aberto ao público en xeral do ciclo Aida Fernández Ríos con dúas charlas: “Os biomateriais no combate do cancro”, a cargo de Bárbara Blanco, investigadora Ramón y Cajal na Universidade de Santiago, e “Células CAR-T: novo paradigma no tratamento do cancro” a cargo de Mariona Baliu, responsable do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia de Galaria.

Conferencias dirixidas aos centros educativos

As conferencias dirixidas á cidadanía en xeral compleméntase con outras dirixidas a centros educativos. Neste eido, o 13 de xuño, ás 11.30 horas no IES de Salvaterra, terá lugar a conferencia “O impacto das substancias cotiás no noso material xenético” a cargo de Vanessa Valdiglesias, profesora titular de Xenética e coordinadora do Grupo de Investigación en Nanotoxicoloxía e Toxicoloxía Xenética do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da Universidade da Coruña.

Finalmente, o bloque de charlas en centros educativos da provincia completarase con outra actividade centrada nos “Medicamentos personalizados” a cargo de Carmen Álvarez, catedrática de Tecnoloxía Farmacéutica e académica da Real Academia Galega de Ciencias e da Real Academia de Farmacia de Galicia.