Como “mulleres únicas e extraordinarias”. Así definiu Carmela Silva ás deportistas dos clubs de elite feminino da provincia que compiten na máis alta categoría de balonmán, ciclismo e fútbol sala e que neste 2023 recibirán preto de 200.000 € da Deputación de Pontevedra.

Son o Atlético Guardés, o Balonmán Porriño, o Poio Pescamar, o Marín Futsal e o Club Ciclista Farto que, representados por Pilar Jiménez (ciclista do Club Ciclista Farto), Daniella Sousa (xogadora do Poio Fútbol Sala), Aitana Santomé Santos (capitá do Balonmán Porriño), Marisol Carratú (capitá do Atlético Guardés), e Silvia Aguete (xogadora do Marín Futsal), veñen de participar na recepción no Pazo provincial na que Carmela Silva remarcou que “somos a provincia do deporte feminino” e enxalzou o seu papel como “grandes referentes que están a levar o seu nome de por todo o Estado e incluso  Europa”.

No acto, ao que tamén asistiron outras xogadoras dos clubs, adestradores/as e integrantes das directivas dos equipos, a presidenta da Deputación quixo agradecer “a todos os equipos que apostan polo deporte feminino” polo seu traballo “que é complicado, pero está dando resultados”. “Poucas provincias poden presumir de ter tantos equipos na elite do deporte feminino, de ocupar os primeiros lugares nas ligas e de ser grandes referencias, e eu síntome especialmente orgullosa diso”, asegurou ao tempo que agradeceu ás deportistas “que ademais de ser unhas ‘cracks’ nas súas disciplinas deportivas, son mulleres que rachan cos estereotipos e son exemplos para as que veñen por diante”.

Ademais, referiuse aos trunfos das deportistas da provincia, felicitando moi especialmente a Ale de Paz, Silvia Aguete e Luci Gómez, xogadoras do Poio Pescamar e do Martín Futsal que a pasada fin de semana gañaron o Europeo de fútbol sala coa selección española, e desexoulles a todos os clubs éxitos en próximos desafíos, como o que vivirá o Atlético Guardés esta fin de semana, cando pode clasificarse para a final da Copa Europea, o que as levaría a disputar a primeira final continental da historia do balonmán galego.

Pola súa banda as deportistas non quixeron perder a oportunidade de agradecer á Deputación todo o seu compromiso co deporte feminino. Pilar Jiménez, recalcou que “somos moitas as mulleres que precisamos apoio, pois o deporte feminino está crecendo, e este  respaldo danos visibilidade”, e lembrou que o seu club estará na Volta a España “e será un orgullo ir co nome da Deputación”. Daniella Sousa, reclamou máis eventos “para promover o deporte feminino local” e destacou que o apoio da institución provincial “fai que podamos representar a Pontevedra incluso fóra de España”.

Pola súa banda, Aitana Santomé, subliñou que “é fundamental e necesario impulsar o deporte feminino e, sobre todo igualalo ao masculino, o que nos dá visibilidade e axuda a que se poida profesionalizar”. Ademais, Marisol Carratú destacou o “papel importante” das deportistas que aportan “un gran de area que no futuro se verá, cando observemos ás nosas fillas e netas brillando a nivel deportivo”. Na mesma liña se expresou Silvia Aguete, que sinalou que “imos intentar manter o listón o máis alto posible para poder ser referentes para as nenas que veñen por detrás de nós” e, para iso, enxalzou “o respaldo das institucións, porque nos axuda a competir nas mellores condicións”.

Precisamente por iso, Carmela Silva puxo o broche á recepción aos clubs de elite femininos da provincia incidindo na necesidade de seguir apoiándoos “aínda máis. Temos que apostar máis polo deporte feminino”. Recordou que “cando chegamos ao Goberno os clubs recibían menos recursos que os masculinos e agora o apoio e idéntico pero terían que recibir máis, porque o teñen máis difícil”. E concluíu co desexo de que o deporte feminino teña a mesma presencia que o masculino nos medios de comunicación. “Nós, desde logo, imos seguir impulsando para que poida ser así”.