A Deputación de Pontevedra segue fomentando novas medidas para apoiar e impulsar o comercio e a hostalería da provincia a través do programa “Da túa man” (rural II), que se desenvolve en Oia, Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Fornelos de Monte, Moraña, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa.

Deste xeito, a institución provincial acaba de sacar a licitación o subministro de bolsas e mochilas reutilizables para repartir nos establecementos, e, polo outro, o deseño e lanzamento de accións de difusión en soportes dixitais, cun orzamento total de 70.000 euros.

Por unha banda, a Deputación de Pontevedra destinará 30.000 euros a novos deseños de bolsas e mochilas para o comercio de proximidade e para a comunidade escolar como alternativa sostible e reutilizable ás de plástico ou papel.

Para a súa elaboración empregaranse materiais compostables ou reciclados da propia actividade comercial e hidrosolubles. Inclúe o seu deseño, produción e distribución destas bolsas, que contarán ademais con códigos QR que terán asociadas diferentes campañas de sensibilización e porán en valor as características relativas ao comercio de proximidade, o compromiso coa sostibilidade e o desenvolvemento da comunidade local.

O contrato incluirá o subministro de preto de 20.000 unidades de bolsas e mochilas sostibles con deseños individualizados para o proxecto “Da túa man” (rural II). Delas máis de 6.000 serán bolsas de bioplástico compostable; 2.400 unidades de mochilas de plástico reciclable e reutilizable e 11.200 unidades de bolsas de algodón 100% reciclable e reutilizable.

Pola outra banda, a Deputación tamén contratará o deseño e lanzamento de dúas accións de difusión en soportes dixitais para este proxecto. Estas iniciativas porán en valor as características relativas ao comercio de proximidade, o compromiso coa sostibilidade e o desenvolvemento da comunidade local empregando os soportes dixitais, que permiten chegar a novos públicos, así como involucrar á cidadanía nunha estratexia global de comunidade. Estas actividades, que contan cun orzamento de 40.000 euros, executaranse nos concellos de Oia, A Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Moraña, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa.

O programa “Da túa man” (rural II), que conta cun orzamento de 500.000 euros financiados con fondos europeos, busca visibilizar e modernizar ao pequeno comercio e á hostalería local adaptándoo aos novos hábitos de consumo a través da implantación e uso das novas tecnoloxías e o desenvolvemento de prácticas que promovan a economía circular, así como unha mellora no acondicionamento dos espazos que sirva para ofrecer un servizo óptimo á poboación local e de foco de atracción de visitantes. Así mesmo, preténdese crear vínculos en toda a cadea de valor do comercio local e o produto de km 0.

Ademais destas dúas iniciativas que acaba de lanzar a Deputación, “Da túa man (rural II)” abrangue outros proxectos como a adaptación da accesibilidade á contorna comercial, a instalación de illas ecolóxicas con contedores e de dispositivos para a reciclaxe de residuos especiais, a posta en marcha dunha rede de comercio retallista, produtores locais e provedores, a instalación de sinalética integrada e diferentes accións formativas.