balneario
CEDIDA

Co obxectivo de mellorar o benestar e a calidade de vida dos cidadáns e especialmente as familias que necesitan unha maior asistencia, a Deputación de Pontevedra, a través dos seus programas de Cohesión Social, está a financiar a política social dos concellos da provincia. No caso da comarca do Val Miñor este ano beneficia ata o momento a máis de 630 veciños dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, cun investimento de 214.960 euros.

No caso de Nigrán, o goberno de Carmela Silva destinou no que vai de ano ás políticas sociais da vila un total de 78.673,49 euros dos que se están a beneficiar máis de 220 veciños. Con estes cartos da Deputación, a veciñanza pode contar co plan de atención social, que ofrece asistencia económica para os Sociais Comunitarios Básicos co servizo de axuda no fogar que atendeu a 32 usuarios en 2017; e as axudas básicas de emerxencia, que atenden as demandas dos veciños que se atopan en situación de risco ou exclusión social e que o pasado ano beneficiaron a 29 familias de Nigrán.

Finalmente, a Deputación tamén financia o programa de teleasistencia domiciliaria que apoia este ano 2018 a 4 maiores ou persoas con diversidade funcional do concello que viven soas ou teñen dificultades para desenvolver actividades cotiás.

En canto ao concello de Gondomar, a institución provincial investiu 69.621,11 euros para financiar as políticas sociais da vila, que están a beneficiar a máis de 220 persoas. Con estes cartos da Deputación, a veciñanza pode contar co plan de atención social, cuxo servizo de axuda no fogar chegou a 30 persoas en 2017, e coas axudas básicas de emerxencia, que beneficiaron a 100 familias o ano pasado. Finalmente, o programa de teleasistencia domiciliaria apoia, este ano, a 16 persoas da vila. Con respecto ás actividades, neste 2018 están a ser preto de 80 as persoas de Gondomar beneficiadas. Falamos de programas como Depotermal, Depo en Marcha e Depo Aventura A Lanzada, no que este ano participaron 35 menores da vila.

Por último, en Baiona, a Deputación destinou 66.666,33 euros para a mellora da política social na vila, da que se están a beneficiar máis de 190 persoas. Con este investimento, a veciñanza pode contar co plan de atención social, cuxo servizo de axuda no fogar chegou a 9 persoas en 2017, e coas axudas básicas de emerxencia, que beneficiaron a 20 familias o ano pasado. Finalmente, o programa de teleasistencia domiciliaria apoia, este ano, a 20 veciños do concello. Ademais, nos programas de lecer e respiro familiar deste 2018 están a ser máis de 120 persoas de Baiona as beneficiadas.